“Incumpre o acordo parlamentario”

O BNG denuncia que a Xunta non se responsabiliza dos plásticos agrícolas

Plásticos agrícolas. Foto: cedida.
O pasado novembro o Parlamento de Galiza acadou un acordo para que a Xunta colaborase cos concellos na recollida e transporte dos residuos de plásticos agrícolas. Nove meses despois, o BNG denuncia o “incumprimento” do Goberno galego.

“Gran parte destes residuos están a ser depositados en contedores domésticos sen que a Consellaría de Medio Ambiente actúe”, critica o deputado do Bloque Xosé Luís Rivas, “malia se tratar de residuos plásticos de composición identificábel que facilita a súa reutilización, previo procesado en planta”.

Rivas sinala que Medio Ambiente destina 24.200 euros á xestión destes plásticos, “unha cantidade irrisoria para resolver un problema que incide negativamente no equilibrio medioambiental”. Segundo os datos que manexa, os plásticos agrarios recollidos cada ano nunca pasaron de 4.000 toneladas “sobre un total de 8.000”.

“Estamos ante unha situación que coloca gandeiros, agricultores e concellos ante un problema que é medioambiental e polo tanto responsabilidade da Consellaría de Medio Ambiente”, engade Rivas, quen lamentou “que se produzan tantas declaracións institucionais sobre o grave problema dos plásticos depositados no mar e nas rías ao tempo que a Medio Ambiente mostra unha sensibilidade nula polos residuos xerados pola actividade agrícola e gandeira”.