O BNG denuncia que a Xunta emprega estudantes de Enfermaría para os cribados nas Universidades

BNG Iria Carreira
O BNG denuncia que a Xunta está a delegar no estudantado de Enfermaría a realización dos cribados entre o colectivo universitario dos campus galegos para detectar casos asintomáticos de Covid-19, no canto de recorrewr a persoal titulado. 

O Bloque levará o asunto ao Pleno do Parlamento para que o Executivo de Feixoo dea explicacións sobre unha medida "que implica un risco para o alumando de enfermaría e un deterioro da súa formación".

Segundo explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Iria Carreira, estes tests serán realizados –tal como anunciaron as Universidades–por estudantes de Enfermaría en lugar de por profesionais co título, a cambio dunha convalidación por horas de prácticas, "o que supón unha eiva para estas estudantes, que pasan a realizar tarefas de escaso labor formativo en lugar das prácticas estipuladas polo seu plan de estudos".

Para a deputada nacionalista, resulta "inadmisíbel" pór persoal sen a cualificación necesaria a facer un cribado, polo "importante risco" de infección.

Igualmente, a formación nacionalistas considera que o alumnado en formación "debe estar supervisado por persoal cualificado que se responsabilice do traballo das probas".

"O que non pode ser é que as estudantes sexan as que maquillen as carencias do Sergas, que a Administración mire para outro lado e realice estas probas con man de obra barata, tanto que lle sae gratis, para non afrontar o gasto que lle supón", censura Carreira, tras destacar que a pandemia está mostrando "as carencias dun sistema que xa facía augas" tras once anos de recortes do Goberno do PP.

Como lembran desde o BNG, desde o 21 de outubro están a realizárense cribados nos campus das tres universidades galegas para a detección de pacientes sen síntomas do virus SARS-CoV-2 entre o estudantado universitario, cribado impulsado pola Dirección Xeral de Saúde que se efectúa mediante tests rápidos de dupla banda facilitados desde o propio Sergas, a pesar de que o material de protección necesario así como o acondicionamento dos espazos correu a conta da institución académica.

Esta mesma semana, alumnado de 4º de Enfermaría da facultade de Ourense acusaba a Universidade de Vigo de impoñerlle a realización das probas serolóxicas a todo o campus sen dar "outra opción distinta á de acudir", tendo que substituír o seu horario lectivo de prácticas por esta actividade "imposta" e sen formación.