O BNG defende en Vilalba un aumento de 100 millóns de euros para a Atención Primaria

Concentración en Vilalba (Foto: BNG).

A deputada Olalla Rodil resaltou nunha concentración diante do centro de saúde que "hai que desconfinar a atención primaria”.

O Bloque Nacionalista Galego organizou en Vilalba diante do centro de saúde unha concentración baixo lema “Defendamos a Sanidade Pública Galega, Non aos Recortes na atención Primaria”.

Nesta concentración estivo presente a deputada por Lugo e viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, xunto con integrantes da organización na localidade.

O Bloque propón como punto de inicio para reforzar a Sanidade Pública un incremento de 100 millóns de euros para a atención primaria nos orzamentos da Xunta 2021.

A deputada nacionalista sinalou “a atención primaria é unha peza chave para xestionar e frear a pandemia” no que engadiu “a Xunta ten que garantir o persoal e os materiais precisos para o total funcionamento da Sanidade Pública”

Rodil explicou que a prioridade da fronte nacionalista é frear o virus e fixo fincapé en que “hai que desconfinar atención primaria” para poder garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega.

Tamén destacou que “hai que atender aquelas persoas que seguen a sufrir as memas enfermidades antes de que chegara a COVID-19”.

O BNG pedirá tamén protocolos claros para finalizar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando na atención nos últimos meses.