BNG cualifica a prórroga á pasteira de "decisión corrupta" e AGE anuncia que a recorrerá

“É unha decisión corrupta a favor da pasteira en cuxo consello de administración sentan destacadas figuras” do PP, afirmou o portavoz nacional, Xavier Vence. AGE fala de "cacicada".

O BNG denuncia que a decisión do goberno central en funcións de prorrogar até 2073 a presenza de Ence-Elnosa na Ría de Pontevedra supón unha “traizón” de Mariano Rajoy aos intereses xerais de Galiza a favor dos intereses particulares dun empresa. Unha decisión que supón, para alén “dun claro atentado contra a autonomía municipal”, unha privatización do dominio público, unha “auténtica fraude” cando o Goberno da Xunta debería exercer as competencias exclusivas en materia de territorio e iniciar o proceso para recuperar o espazo de Ence-Elanosa.

“Rajoy utiliza o tempo de desconto para consumar un atropelo con nocturnidade e aleivosía que prexudica non só a Pontevedra e comarca senón ao conxunto do país”, criticou o portavoz nacional, Xavier Vence. A prórroga, engade, “evidencia unha decisión corrupta do PP que desoe o clamor cidadán para satisfacer os intereses da pasteira, en cuxo consello de administración ocupan postos clave figuras destacadas do PP, como Isabel Tocino, Abril Martorel ou Del Álamo”.

Todas as vías

O BNG anuncia que estudará todas as vías para enfrontar esta decisión do Goberno español, “tanto a través da loita social na rúa, como desde as institucións e pola vía xudicial”. Ao mesmo tempo, reclamará ao futuro goberno central que derrogue esta prórroga. Vence acusa Rajoy de “desprezar” a demanda maioritaria da sociedade galega , de ignorar unha reclamación “que mereceu anos de reivindicación e de loita na rúa e nas institucións por parte de miles de galegos e galegas”.

AGE

AGE di que a prórroga é “unha cacicada que deixa ao descuberto unha vez máis que o PP está a traballar para os intereses da empresa pasteira”.

Para Antón Sánchez, vice-portavoz de Alternativa Galega de Esquerdas, supón a confirmación do camiño "planificado e iniciado" coa reforma da Lei de Protección do Litoral en 2013, na aprobación do Regulamento e do informe ambiental positivo da Xunta de Galicia, "feitos á medida para a permanencia de ENCE na Ría". “As portas xiratorias do PP con ENCE son de sobra coñecidas e mostran a sensación de impunidade que parecen sentir os dirixentes populares” denunciou Sánchez.

O grupo parlamentar de AGE recorrerá por vía administrativa esta decisión e presentará no Parlamento galego unha iniciativa instando o goberno do Estado a que proceda á revisión de dita resolución e a deixala sen efecto.

Alexandra Fernández, voceira parlamentar de En Marea, censurou o "atropelo democrático" que, ao seu xuízo, supón a prorrogara da concesión de ENCE na ría de Pontevedra por parte dun goberno en funcións. Fernández apelou á "resposta cidadá clara" en contra desta decisión e criticou que "é todo o contrario á democracia".