O BNG critica a Xunta pola súa "inacción" perante a praga da velutina

Xosé Luís Rivas 'Mini'
Falta información á poboación sobre que facer no caso de ser atacado por unha vespa velutina, o nome científico desta avespa. Así o denuncia o parlamentar do BNG Xosé Luís Rivas Mini, quen vai dirixir unha pergunta oral ao goberno galego nun próximo pleno.

“É obriga de Medio Rural e Medio Ambiente establecer, orzamentar e coordinar liñas de investigación acordes á magnitude do problema e dar información clara e útil á poboación que evite accidentes e danos na mesma e máis no medio natural”, afirma Rivas, para quen é inceptábel que a Xunta deite a toalla no chan neste asunto e se limite a considerar que a velutina veu para ficar e que, portanto, hai que convivir con ela.

En 2018 foron retirados un total de 28.000 niños de vespa velutina, indicou o parlamentar do BNG, a metade deles na provincia da Coruña. Mais o problema dista de estar resolvido. É máis, a mudanza nas condicións climáticas producido en 2018 a respeito de 2017 —máis chuvias, máis frío—tornou a avespa máis perigosa. Con ese ambiente o insecto procurou abeiro perto das casas e fixo niños máis pequenos. Destarte, incrementouse o número de picaduras a persoas, co falecimento dalgunhas alérxicas ao seu veleno.

Os ataques causan danos na apicultura, na fruticultura e na polinización, daí que o parlamentar pida á Xunta a adopción de medidas urxentes que limite os efectos da praga.