A mesma pancarta na Alameda, 50 anos despois

Acto en lembranza dos 50 anos da recuperación do Día da Patria. Foto: Laura R. Cuba

O BNG comemora os 50 anos que pasaron desde que o nacionalismo recuperou a celebración do 25X. 5 décadas desde que ficou estabelecida a denominación de Día da Patria Galega como xornada de reivindicación dos dereitos nacionais do país.

Co gallo do próximo 25 de xullo, o Bloque Nacionalista Galego dá conta da tradición nacionalista arredor do Día da Galiza. Na mañá desta terza feira, unha delegación da organización pendurou na Alameda de Compostela unha faixa co lema 'Viva Galiza ceibe e socialista!'. A pancarta emula a que, con idéntico lema, ocupou o mesmo lugar no ano 1968, cando un grupo de mulleres e homes recuperaran mediante esta acción a celebración do Día da Patria. 

 

"Xusto vai para 100 anos que a Asemblea Nacionalista decidiu que o 25 de xullo fose adicado a conmemorar o Día da Galiza, e queremos salientar aquelas iniciativas dos anos 30 arredor do Partido Galeguista, como o Mitin das Arengas", explicou a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín. A política tamén fixo referencia á evolución do movemento nacionalista, que foi "tomando progresivamente as rúas da capital do país até chegar á Praza da Quintana, centro neurálxico das reivindicacións nacionais, deste movemento vivo, plural e colectivo que quere reivindicar que Galiza é unha nación cos seus dereitos".

 

Reivindicar a memoria para dar pasos cara ao futuro

 

"Nós somos herdeiras e herdeiros dese momento e entendemos que reivindicar a memoria é tamén dar pasos cara ao futuro, e que ser nacionalista é tan revolucionario, rebelde e transformador como daquela", declara. Con motivo do 50 aniversario da recuperacón da mobilización, Sanmartín anima a sociedade galega a participar na próxima manifestación nacional do mediodía do 25 de xullo, que terá lugar na propia Alameda compostelana.

 

Por último, Sanmartín deu paso a Saleta Goi, a viúva do poeta Manuel María.  "Eu empecei a ir á misa de Rosalía no ano en que casei, 1959", lembrou a monfortina, en referencia á cerimonia que celebraba o galeguismo do interior os 25 de xullo, "e foi alí onde coñecín a persoeiros galeguistas como Otero Pedrayo, Bouza Brey, Isla Couto, os Beiras...". Goi estivo despois presente naquela acción de 1968, da que lembra a dura represión policial. "Había moitos policías e eran todos de fóra", evoca, ao tempo que destaca as múltiples manifestacións espontáneas que tentaban evadir o control das forzas da orde franquistas.

 

Hoxe en día, Goi considera que o nacionalismo "evolucionou con moitas dificultades pola presión que ten". "É difícil mais é moi necesario porque ou temos país ou anúlannos. Por iso que sempre lle digo á xente moza que, se quere ter futuro, ten que defender o país, senón vai ser carne de emigración", conclúe.