Axudas para o postdoutorado

BNG denuncia a exclusión no acceso ás bolsas das doutoras graduadas antes de 2006

O BNG denuncia que a Xunta exclúe das bolsas de postdoutorado 2017 convocadas polas Consellarías de Educación e de Economía ás persoas aspirantes graduadas ou licenciadas antes do ano 2006.

Esta exclusión aparece por primeira vez nesta convocatoria e non se realiza en axudas homólogas como as bolsas Juan de la Cierva. Olalla Rodil, portavoz do BNG, declaraba que este criterio de selección “supón unha discriminación comparativa, arbitraria e sen precedentes”.


A deputada nacionalista defende que “o que acredita a capacidade para optar a estas axudas é ter o título de doutoramento” e que esta restrición supón “un agravio comparativo e a exclusión de moitas persoas que, por diversas razóns remataron a súa formación académica antes de 2006 mais depositaron e defenderon a súa tese recentemente”.


Dende o BNG sinalan que estas bolsas son das poucas ferramentas coas que contan as persoas investigadoras emigradas para voltar ao país e anuncia que vai levar este asunto ao próximo pleno cunha iniciativa na que reclama do Goberno a retirada deste requisito nunca antes incluído nestas convocatorias.