BNG apresenta en Bruxelas unha denuncia contra o Estado español por neglixencia en Angrois

Un guindastre apaña un dos vagóns sinistrados

A denuncia vaina rexistar esta sexta feira a portavoz nacionalista en Bruxelas, Ana Miranda. O BNG demanda que se abra un procedimento de infracción contra o Estado español "pola vulneración da normativa europea aplicábel sobre seguranza e inter-operabilidade ferroviaria".

A traxedia de Angrois saldouse con 80 vítimas mortais e 144 persoas feridas. O BNG ten indicios de o Estado español ter cometido unha infracción do direito comunitario en materia de seguranza ferroviaria, o que o leva a apresentar unha denuncia perante a Secretaría Xeral da Comisión Europea.

 

Para o Bloque, o Estado non garantiu o control integral dos riscos na liña Ourense-Santiago -nomeadamente na entrada da capital galega- nen tampouco as "condicións de seguranza" do proxecto.

 

De ter feito unha avaliación correcta dos riscos, o sinistro non se tería producido, segundo interpreta a formación nacionalista.

 

O BNG entende que o Estado español só incorporou "de forma parcial" a directiva europea en materia de seguranza ferroviaria a meio dun decreto promulgado en 2007. A súa definitiva traslación ao direito español só se produciu após o sinistro de Angrois, alega o Bloque na súa demanda, á que tivo acceso Europa Press.

 

Alén de apresentar a denuncia, Ana Miranda ten na súa axenda unha entrevista a vindeira segunda feira coa chefa de gabinete da comisaria de Transportes, Violeta Bulc.