O BNG alerta contra o discurso negacionista diante do 25-N

Olalla Rodil, durante a presentación da campaña "A violencia queda dentro" xunto á imaxe do cartel. (BNG)
O BNG lanza a campaña do Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres que este ano ten como obxectivo concienciar contra todos os tipos de violencia que se exercen contras as mulleres polo mero feito de selo.

“Fronte a eses discursos de odio, fronte ao discurso negacionista e machista da extrema dereita, en solitario ou de ganchete co PP, pero tamén fronte a quen practica un discurso paternalista como Feixoo e fala de protexer as súas mulleres, as súas nais e irmás coma se as mulleres tivésemos dono e non puidésemos falar por nós mesmas”, explica Olalla Rodil, deputada do BNG na presentación da campaña nacionalista cara o 25-N. “Fronte a todo iso, desde o BNG poñemos o foco en todas as formas de violencia exercidas contra as mulleres polo simple feito de sermos mulleres”.

As nacionalistas lanzaron esta quinta feira as súas propostas baixo o lema A violencia queda dentro, e coa imaxe dunha ‘matrioska’ para exemplificar a suma de capas de violencia, que pode ser física, psicolóxica, sexual, xudicial, económica ou mediática e publicitaria entre outras.

“Cada vez que se xulga o noso modo de vestir, cada vez que as mulleres somos representadas como obxectos hipersexualizados nunha campaña publicitaria, cada vez que nos pagan menos polo mesmo traballo, cada vez que un xornal di que morremos e non que nos asasinan, cada vez que nos violan e a Xustiza di que non é violación, cada vez que somos cuestionadas, todas son formas de violencia”, argumentou Rodil.

Rodil salientou que hai formas de violencia recoñecidas como tales pero é preciso “sensibilizar á sociedade” ante outras violencias múltiples e diversas, “moitas invisibilizadas e normalizadas, pero igualmente letais”.