O BNG acusa a Xunta de ocultar información sobre os proxectos mineiros

Xosé Luís Rivas 'Mini', durante a súa comparecencia

O deputado Xosé Luís Rivas 'Mini' sinala que o grupo parlamentario nacionalista leva mais dun ano agardando por uns expedientes que deberían ter sido entregados en 30 días

Xosé Luís Rivas compareceu esta quinta-feira no Parlamento galego para denunciar a negativa continuada da Xunta a facilitar información á formación nacionalista sobre os proxectos mineiros que pretenden ser desenvolvidos no noso país. “Algunhas das nosas peticións datan do 22 de novembro de 2016, e notifícannos o 11 de xaneiro que vaiamos de despacho en despacho consultar a documentación”, critica.

 

Segundo o artigo 9 do Regulamento do Parlamento de Galicia, as administración públicas teñen a obriga de facilitar toda aquela información e documentación necesaria para o desenvolvemento das súas tarefas. “O goberno dispón de 30 días de prazo para responder a este tipo de solicitudes, e curiosamente todos os expedientes ou informes que demoran en chegar versan sobre a minaría, polo que parece que algo están a ocultar”, sinala Rivas.

 

Millóns de toneladas de residuos e unhas terras inertes

 

O parlamentar do BNG alertou sobre a gravidade das consecuencias que implicaría a apertura destes proxectos mineiros en territorio galego. “No caso da mina de Touro estariamos a falar dunha balsa de 126 hectáreas de superficie de 80 metros de alto que conterá millóns de toneladas de residuos inertes e ácidos, que en calquera momento pode baixar pola cunca do Ulla e ameazar a ría, as poboacións e o futuro dunha grande parte desa contorna”, explicou.

 

No caso do proxecto de Erimsa, en Ordes, Xosé Luís Rivas engade que provocaría “o espolio de terreos agrarios dos que se extraerá croio de sicilio que será procesado fóra do Estado español e que volverá a nós con todo ese valor engadido, ás veces até 4.000 veces máis caro”. Alén do custe económico, o deputado advirte sobre o estado no que ficarían as terras após a explotación: “cada hectárea da que se extrae silicio non serve para nada, mais dana todo e non deixa máis que contaminación, desolación e terras inertes”. 

 

Esgotar a vía parlamentaria

 

Rivas indicou que era innegábel o desastre que suporían estes proxectos mineiros. “Non son supostos catastrofistas, son dados e a propia Consellaría de Agricultura emitiu un informe negativo”, apunta. 

 

Insistiu na demanda de “transparencia” por parte da Xunta, sendo que considera “de primeiro curso de democracia que o parlamentarismo conte coa documentación suficiente para facer os seu labor de control do goberno”. Segundo Rivas, o grupo do Bloque Nacionalista Galego seguirá a insistir pola vía parlamentaria, “que é a que nos corresponde” para denunciar a situación.