O BNG acusa ao alcalde de Celanova de evitar responsabilidades na residencia de maiores

Leopoldo Rodríguez na homenaxe cívica ás vítimas en Celanova o 11 de agosto de 2020. (Foto: BNG Celanova)

O Concello forma parte do Padroado deste centro xeriátrico, sobre o que as familias denunciaron "deficiencias e neglixencias". O Bloque tamén exixe á Xunta que actúe ante a falta de reaccións por parte da Administración municipal.

O grupo municipal do BNG en Celanova denuncia que o alcalde do municipio elude as súas responsabilidades no Padroado da residencia de maiores da Vila. Segundo as e os nacionalistas, o rexedor tardou menos de quince días en asinar como presidente da Fundación Curros Enríquez (da que depende o centro) pero "leva ano e medio fuxindo da súa responsabilidade coas usuarias, as traballadoras e as familias".

En concreto, o concelleiro Leopoldo Rodríguez acúsado de "negarse a asumir o papel de membro nato do Padroado que lle corresponde á Alcaldía". Malia que si houbo sinatura, din que non se fixeron accións concretas como si viñan facendo outras corporacións desde a creación da fundación "hai máis dun século".

Para o Bloque é fundamental que o Concello "formalice inmediatamente" e que se poña en marcha o acordado no pleno. É dicir, a ampliación da presenza municipal no órgano reitor do centro residencial.

Os xestores xa pediron unha subvención de 72 euros e aínda non se resolveu, algo que o BNG considera un compromiso ineludíbel pola situación que teñen denunciado as familias. "Estes pasos son urxentes, como puxeron de novo de manifesto as denuncias sobre deficiencias e neglixencias denunciadas esta mesma semana polas familias", indica Rodróguez.

A través do colectivo REDE, as e os achegados das residentes falaron de que apareceron persoas "con contusións que non se xustificaron" pero tamén de que se atende "mal" ou de "fallos graves nas instalacións eléctricas" ou de que se está a reutilizar o material para traballar coas usuarias a pesar de que vai en contra dos protocolos sanitarios e de seguridade.

Por iso tamén exixen a intervención da Xunta xa que o grupo de Goberno "segue mirando para outro lado, negándose a cumprir unha obriga institucional e negándose a prestar a axuda que agora máis que nunca precisan as usuarias, as traballadoras e as familias".

Unha reacción rápida dalgunha das partes podería solucionar, na medida do posíbel a situación "precaria" tanto de persoal como de material.