Bloqueo da patronal e pasividade da Xunta na sexta xornada de greve das ambulancias

Mobilización do persoal de ambulancias fronte ao Parlamento galego.

Un convenio caducado desde hai dous anos, carencias no servizo, ameazas de despedimentos e rebaixas salariais marcan o conflito laboral

Até 12% de rebaixa no prezo. Esa é a oferta á baixa que apresentaran as empresas no último concurso público de ambulancias convocado pola Xunta de Galiza. Cun acordo insuficiente para facer fronte ao servizo —no caso de Santiago, 80% do prezo marcha nos salarios en detrimento de obrigas como hixienizar os vehículos ou limpeza da roupa de traballo—, a patronal tenta ser rendíbel a custe de paralizar a negociación do convenio colectivo, onde solicitan até 25% de recorte salarial.

 

Esta terza feira, a FAMT-CIG convocou unha xornada de greve e mobilización por todo o país do persoal mobilizado coas ambulancias —conductoras e camilleiras— para esixir solucións ante o bloqueo da negociación. O seguimento é de 100% en todo o territorio, con cifras lixeiramente menores nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense. Desde a federación de transportes advirten que en setembro a greve pasará a ser indefinida se non hai avances no conflito.

 

“Xa denunciaramos que o concurso non daba para cubrir gastos e, no momento en que as empresas comezaron a pagar o convenio colectivo, non lles dá. Non é só que non poidan subir o convenio, que leva dous anos e medio conxelado, senón que agora pretenden baixar os salarios, as condicións de traballo, as licenzas… como se fose culpa nosa que eles tiveran concursado moi por debaixo do custe real que tiña o servizo”, explica Ignacio Pavón, responsábel de transportes da CIG-Santiago.

 

Segundo demandan as traballadoras, a loita polo convenio colectivo tamén implica a Administración pública, que sinalan como responsábel desa renovación “que no seu día adxudicou de xeito vergoñento, moi por debaixo do custe real”, critica Pavón. Polo de agora, as empresas “néganse a sentar” e só se amosan dispostas a negociar se a Xunta se compromete a subir a asignación. Pola súa banda, a institución non move peza e insta traballadoras e patronal a negociar, desentendéndose do conflito, que afecta case 3.000 traballadoras.

 

“Nós entendemos que a situación hai que desbloqueala a tres bandas: traballadores, Administración e empresas”, sinala o responsábel de transportes da CIG-Santiago. “Quen pon diñeiro é a Administración mais tamén somos conscientes de que o risco que asumiron as empresas foi voluntario e ninguén lles obrigou”, aclara.

 

As consecuencias

 

O concurso público non só implicou un conflito laboral por mor da súa insuficiencia, senón que supuxo unha perda de calidade no propio servizo de ambulancias. A carencia de fondos provocou que se desatendesen a limpeza e desinfección das bases, ambulancias e uniformes, así como a mellora e conservación de materiais e medios de traballo. A este respecto, a CIG xa ten presentado denuncias na Inspección de Traballo e no xulgado por non cumprir coa legalidade vixente. Ademais, a precarización do sector implica tamén unha sobrecarga de traballo que se traduce nun alto índice de baixas e na utilización dos contratos en prácticas para cubrir os cadros de persoal de xeito barato.