O Bloque reclama un Plan de igualdade laboral na véspera do 8 de marzo

O BNG defenderá no Parlamento que o goberno aprobe un plan de igualdade laboral perante a "precariedade" e "discriminación" que atinxe as mulleres galegas, nomeadamente as máis novas. 

Esta segunda feira (7 de marzo) o BNG organizou en Compostela unha charla-coloquio con mulleres mozas para abordar a realidade que as atinxe, principalmente no eido laboral. 

A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, estivo acompañada pola responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Lucía Veciño, a deputada Carme Adán e a responsábel de Acción Feminista, Noa Presas. 

No encontro distintas mulleres partillaron experiencias laborais e denunciaron a precariedade que as atinxe

En declaracións aos medios de comunicación Lucía Veciño explicou que o obxectivo da xornada é achegar as "propostas do BNG e Galiza Nova sobre políticas de xénero" para alén de "escoitar de viva voz" a realidade que atixe as mozas galegas, acrecentou Ana Pontón. 

Neste senso, denunciou Lucía Veciño, as mulleres máis novas viven unha "tripla discriminación" na Galiza, como galegas, mozas e traballadoras cunha "fenda salarial moi pronunciada, sobre todo nas faixas de idade máis novas", sinalou en referencia ao informe publicado pola CIG a pasada semana sobre a situación socio-laboral das mulleres galegas. 

Plan de emprego

Perante esta realidade a deputada Carme Adán avanzou que presentarán unha Proposición non de lei no Parlamento para exixir a creación dun plan de igualdade laboral "que analice, compense e investigue a fenda salarial" pois está é na Galiza "a máis alta do estado" situándose por riba do 23%. Aliás, "temos as pensións máis baixas do estado sendo a das mulleres as máis baixas", dixo en relación a unha "situación económica alarmante" como a que a atinxe as mulleres do país. 

A fenda salarial na Galiza sitúase por riba do 23%

Desde 2009, denuncia o BNG, "perdéronse da orde de 50 mil mozas filiadas á Seguridade Social" por mor das taxas de emigración xuvenil e destruíronse "por volta de 4.700" empregos ocupados por mulleres, polo que urxen a aplicación de "medidas reais" que revertan esta situación mais tamén que pulen pola "conciliación en igualdade" en troca das "medidas de propaganda" impulsadas polo goberno do Partido Popular, censurou Adán a respeito do cheque bebé que impulsou a Xunta. 

Feminicidio

Pola súa banda, Ana Pontón, asegurou que continuarán a reclamar a incorporación ao marco xurídico do concepto de "feminicidio" através dun novo Estatuto de Vítima que recoñeza todas as mulleres en situación de violencia machista e permita a activación dos protocolos sen necesidade de que exista unha denuncia xudicial. 

Pontón criticou a re-elección de Baltar á fronte do PP de Ourense pola investigación que se mantén aberta sobre acoso sexual

Segundo a voceira nacional do Bloque os "poderes públicos" non están a artellar unha "resposta acaída" á situación actual e defendeu o feminismo como un elemento "absolutamente necesario" que "debe empapar toda acción pública". 

Na véspera do Día Internacional das Mulleres Pontón denunciou a re-elección de José Manuel Baltar como presidente provincial do PP de Ourense perante o proceso xudicial aberto por un presunto delito de tráfico de influencias e acoso sexual. Cómpre lembrar que a xuíza instrutora decidiu continuar adiante coa pescuda de acoso após chamar a declarar a denunciante como imputada e como agredida. "Urxe que se aclare", dixo Ana Pontón, e de se confirmar reclamou a súa "destitución fulminante".