Galiza, pioneira

A biopsia líquida, unha espía contra o cancro

Algo tan sinxelo como unha análise de sangue permitirá no futuro próximo que as oncólogas e oncólogos poidan saber que tipo de tumor teñen que tratar. É o que se coñece como biopsia líquida e Galiza, da man dun grupo de investigación, é pioneira nesta proba. Falamos co seu responsábel no Sermos Galiza 239. Eis un extracto da reportaxe.

Unha revolución que será realidade nun prazo de entre cinco e dez anos. A biopsia líquida, en fase de experimentación, permitirá coñecer toda a información xenética dos tumores cunha análise de sangue. Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía Médica no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), dirixe unha investigación pioneira do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) que ten como fin poder chegar a comprender os tumores en toda a súa complexidade e poder ofrecerlles ás e aos pacientes un tratamento á carta e efectivo. E é que, a través do estudo do sangue, pódese chegar a recoller o material que liberan todas as células que forman parte do tumor.

Apenas existen laboratorios especializados en biopsia líquida no Estado e a Unidade de Análise de Biopsia Líquida de Oncomet, da que é responsábel Laura Muinelo, é unha referencia e eríxese como pioneira ao incorporar a tecnoloxía e os coñecementos necesarios para a proba. Cada ano, a unidade examina de media unhas 400 mostras enviadas desde hospitais e centros de investigacións de todo o Estado. “Son técnicas novas que pretenden, a través dunha simple análise de sangue, estudar o tumor da forma máis profunda, a nivel molecular, para poder combatelo”, explica Rafael López en declaracións a Sermos Galiza. “Trátase dun cambio de concepto que camiña cara ao que chamamos medicina de precisión, unha medicina personalizada”, engade.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza 239, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]