Arde Ridimoas, un bosque autóctono no Ribeiro recoñecido pola Unesco pola súa preservación da biodiversidade

Partes do bosque afectadas polo lume. (Foto: Asociación Ridimoas)

O bosque, situado en Beade, era un Refuxio de Fauna grazas ao esforzo da Asociación do mesmo nome, fundada en 1988.

“Pedimos axuda a socios para que veñan con palas e medios a Ridimoas. Pedimos tractores con depósito de auga, dada a dificultade de accesos. Pedimos que o Concello de Beade e a Xunta da Galiza presten atención a este incendio e se envíe persoal e sobre todo meédios aéreos. Leva ardendo dende onte a tarde sen recibir ningún tipo de axuda. Estamos a tempo de minimizar a traxedia”. Con esta mensaxe a primeira hora de sábado solicitaba axuda a Asociación Ridimoas para salvar un espazo único.

“Arde Ridimoas”, alertaba nas redes sociais esta asociación na tarde desta sexta feira. Unha chamada de auxilio para un bosque autóctono en Beade (O Ribeiro) que a Unesco recoñeceu polo seu exemplo de conservación da biodiversidade.

O bosque atesoura unha gran variedade e riqueza de flora e fauna. É un exemplo de custodia do territorio pioneiro na Galiza.

É un bosque de transición entre a vexetación da rexión eurosiberiana e a rexión mediterránea, cun clima oceánico-mediterráneo e unha altitude entre os 80 e 300 m. sobre o nivel do mar.

 

O bosque Ridimoas naceu como resultado da merca continuada de parcelas privadas dende o ano 1988. “Isto conseguiuse coa cota achegada por máis de 1.000 persoas asociadas, grazas aos cales este proxecto é posíbel”, explican na web da asociación. “Ademais de mercar e restaurar estas novas parcelas do bosque, a asociación dedica gran esforzo en educar e sensibilizar na importancia dos bosques para as futuras xeracións”.

Todo ese esforzo e ese exemplo de defensa da biodiversidade está agora en perigo polos incnedios que afectan a Galiza.