A biodiversidade galega en perigo polos proxectos das empresas renovábeis a grande escala

Aeroxeradores na ruta da "enerxía milenaria" de Trasancos, en Narón. (Foto: Adega)

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) únese á plataforma estatal Alianza Enerxía e Territorio (Aliente) para defender a biodiversidade fronte aos proxectos de enerxía renovábeis a grande escala. 

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) únese á plataforma estatal Alianza Enerxía e Territorio (Aliente) para defender a biodiversidade fronte aos proxectos de enerxía renovábeis a grande escala

Aliente está formada por 80 entidades e plataformas do Estado español que se unen para propor unha “transición enerxética xusta” a través dun documento de 13 medidas para garantir a conservación da biodiversidade, a paisaxe e o desenvolvemento dun modelo enerxético distribuído e xusto que conta co apoio de máis de 250 científicas e científicos.

Entre as medidas que se propón para a subsistencia da biodiversidade inclúen a necesidade de facer unha planificación sinérxica do territorio con áreas de exclusión legalmente vinculantes para a instalación de enerxía a grande escala, ampliar e completar a Rede Natura 2000 cumprindo coas exixencias da Unión Europea ao Estado español, unha catalogación das especies afectadas en coherencia co seu estado real de conservación para a avaliación correcta dos impactos e garantir a independencia e rigorosidade das Avaliacións de Impacto Ambiental e procedementos ambientais aplicando criterios científicos. 

Morte de milleiros de aves

Segundo sinala Adega, o gran apoio científico a estas medidas aclamadas por Aliente indica que hai un sólido acordo entre a comunidade científica arredor do impacto das renovábeis a grande escala sobre a biodiversidade tal e como se está a implantar na actualidade. 

A asociación destaca que o desenvolvemento masivo, sen planificación nin avaliación das instalacións renovábeis, "produce danos severos como a morte de milleiros de aves e quirópteros en áreas de elevado valor paisaxístico”.

Ademais, “o impacto da infraestrutura eléctrica accesoria como subestacións, liñas de alta tensión para a evacuación e transporte da electricidade e demais proxectos de interconexión eléctrica transfronteirizos, crean un grande impacto ao longo de toda a xeografía” galega. 

Na contorna das estacións tamén se produce a morte de moitas especies, a redución e fragmentación dos hábitats, dana a pedra de solo, a cuberta vexetal,  provoca a diminución da retención de auga e cambia as condicións climáticas do contorno.