Bilitroques para un San Xoán solidario cos presos independentistas galegos

Unha iniciativa anima a encher as redes sociais con esta planta tan emblemática (dedaleira, estalote, tastalás...) para escorrentar o mal da represión e solidarizarse cos presos independentistas. Entre os que se animaron a participar, Beiras, Otegi ou Anna Gabriel  #bilitroquescontraarepressom

Estalote,  bilitroque, estralote, dedaleira, abeloura, croques, sanxuás... Estes son só algúns dos múltiples nomes cos que en Galiza se denomina esta planta (Digitalis purpurea), tan común no noso país. Até o de agora, da estoupona ou tastalás (outros dos nomes que recibe) coñecíanse as súas propiedades ornamentais, medicinais (contén unha substancia alcaloide, a dixitalina), así como o seu arraigo popular: na tradición galega, empregábase para protexer a casa contra meigallos e maleficios, colocándoa en portas e xanelas.

Pois a todas estas propiedades, agora súmaselle unha máis, e non menos importante que as citadas: a antirepresiva e solidaria. Así o procura Carlos Calvo Varela, independentista que leva desde 2012 preso en diferentes cadeas españolas e que suxeriu facer da semana previa ao San Xoán unha semana de “Sam Joám Anti-Repressivo e pola Liberdade d@s Pres@s Polític@s e Independentistas Galeg@s”, segundo o chamado de amigos que figura nas redes sociais.

 

De que se trata?.

 

Explícase no mencionado texto.“Como fazê-lo? Mui singelo. Saca unha foto pessoal ou de grupo com com um bilitroque ou vários, como melhor queiras, à vez que deixas umha mensagem de petiçom de liberdade ou do que considerares relacionado coa causa e envia a foto e a mensagem por mail abilitroquescontraarepressom@gmail.com ou polo facebook à página @bilitroquescontraarepressom ou sube-a ti directamente às tuas redes sociais incluindo a etiqueta #bilitroquescontraarepressom”.

Nas redes sociais xa rulan imaxes de persoas que decidiron sumarse a esta iniciativa, entre elas Xosé Manuel Beiras, Anna Gabriel (CUP) ou Arnaldo Otegi, líder da esquerda abertzale e ex-preso.