De Bilbo a Ferrol: reivindicación do 'Transcantábrico' como tren "público e social"

Parada da marcha en Ribadeo, este domingo (Foto:@CCOOFerroGal)

Diferentes colectivos e plataformas protagonizaron nestes días unha viaxe reivindicativa entre Bilbo e Ribadeo.

Desde o pasado 26 de maio e até este domingo diferentes colectivos (sociais, ambientais, sindicais, ferroviarios participaron nunha viaxe reivindicativa en tren desde Bilbo (Euskal Herria) a Ferrol (a Galiza), con importante parada en Ribadeo, en defensa do ferrocarril público e sostíbel.

O obxectivo desta iniciativa é reclamar melloras na liña de Ancho Métrico Irún-Ferrol, pola súa importancia como opción de transporte público nas comarcas e pobos polos que transcorre,  vertebradora do territorio e verdadeiro motor da economía e da actividade produtiva dos mesmos.

Ao longo destes días, as participantes pararon nas diferentes cidades e vilas por onde transcorre a liña para explicar as demandas e reivindicacións cun medio de transporte, o tren “sostíbel social, económica e ambientalmente”.

A quenda galega comezou este domingo 29 de maio cunha cita en Ribadeo.  Desde a plataforma en defensa do ferrocarril anímase a todas as persoas “que  teñan  na cabeza que non podemos perder algo tan importante e básico para as nosas comarcas como é o noso tren, e que non debemos deixar que cada vez nolo poñan  nunha situación máis precaria” a participar na viaxe reivindicativa.

"Responsabilidade de todos"

Para os afectados é responsabilidade de todos que se continúe co servizo, por iso perseguen unha serie de obxectivos que pasan polo mantemento preventivo das unidades até conseguir a práctica desaparición das incidencias, coa renovación e mantemento das infraestruturas (vías, estacións, apeadeiros), aumentar frecuencias e axustar horarios ás necesidades da poboación ou achegar información en tempo real aos viaxeiros en todas as paradas, sobre servizos e posibles incidencias.

Ademais, reclámase a presenza de interventores así como a adecuada coordinación dos servizos  substitutorios cando se produce algún tipo de problema. A puntualidade, con desviacións que non sexan superiores aos cinco minutos en destino, a coordinación con outros medios de transporte, con billetes únicos para facilitar os  transbordos, ou a recuperación dos menores tempos históricos de viaxe en cada un dos tramos son reclamacións que expoñen as plataformas de usuarios.

O tren de vía estreita ten, como sinalan os organizadores, outras carencias que pasan tamén pola necesidade de contar con unidades con espazos suficientes ou a conexión das liñas co transporte de mercadorías ou  multimodal –plataformas loxísticas, portos marítimos ou portos secos–.