Distintos colectivos da zona defenden a gran vinculación co país

O Bierzo achégase a Galiza

Presentación pública do colectivo A Quinta (Foto: Nucha)
O debate sobre unha posíbel división de Castela e León en dúas comunidades volve pór de manifesto o interese de moitos bercianos porque O Bierzo pase a integrarse na Galiza. Acaba de presentarse en sociedade un colectivo que se ve como o de "aspiracións máis serias" para lograr este obxectivo.

O Bierzo podería converterse na "quinta provincia" galega nun hipotético futuro. O debate sobre este asunto na comarca non é novo pero vén de revitalizarse polo nacemento dun colectivo "con aspiracións máis serias" para lograr o obxectivo e pola discusión sobre a posíbel división de Castela e León en dúas comunidades autónomas.

Neste contexto, hai quen prepara unha solicitude para que a Xunta axude a crear un Servizo de Normalización Lingüística ao outro lado dos Ancares e do Courel. 

A reivindicación, ou a petición, de que O Bierzo se integre na Galiza vén agora da man do colectivo A Quinta -polo número de provincia que lle tocaría de sumarse ao país-, mais sempre houbo ligazóns próximas a través doutras asociacións como Fala Ceibe.  

"Hai outros colectivos que traballan máis polo tema cultural pero nunca houbo unha entidade que apostase tan claramente por ese obxectivo de ser a quinta provincia da Galiza", afirma Alejandro Mateo. Polo momento só quixeron darse a coñecer porque a situación do Estado é bastante inestábel, pero non descartan chegar a falar con representantes políticos nun futuro a medio prazo para tentar darlle saída ás súas demandas. Por moi difícil que pareza. 

Galiza, no foco

Mateo explica que A Quinta xurdiu após ver que todas as enquisas que se ían facendo "amosaban que a poboación berciana se decantaba por entrar na Galiza". Tan só había apoio tamén á creación dunha provincia sumándoa a unha hipotética comunidade autónoma de León, pero a moita distancia do interese por adherirse ao territorio galego. 

Desde o punto de vista do Colectivo de Cidadáns do Reino de León non debe haber anexión a Galiza. "O Bierzo, en todos os aspectos é moi heteroxéneo e ten que pórse en valor ese elemento galego, pero tamén o leonés", indica o seu presidente, Carlos Javier Salgado.  

Unha aposta pola cultura

Xabier Lago, representante do "colectivo cultural de defensa do galego" Fala Ceibe recoñece que a principal preocupación da entidade é manter os vencellos culturais coa Galiza. Non están no debate de integrarse no país, mais tampouco pensan renderse nas súas reivindicacións de promoción da lingua. 

Lago adianta que o ano próximo conmemorarán o 200 aniversario da desaparecida provincia de Vilafranca do Bierzo, "que estaba formada polo Bierzo e Valdeorras". "Isto dános pé para reivindicar as ligazóns entre Galiza e O Bierzo". 

Tanto é así que teñen na axenda a presentación dun proxecto no Parlamento para que haxa "un irmanamento entre a Xunta e o Consello Comarcal do Bierzo". A meta sería chegar a acordos  "para a promoción do uso do galego" nesa comarca de León. 

Unha das cousas que máis desexan desde Fala Ceibe é a creación dun Servizo de Normalización Lingüística e, en consecuencia, a aceptación do galego como idioma propio nos concellos e "pedanías". Sobre o número de falantes, Lago di que o Goberno da comunidade non fai estudos serios para non recoñecer o papel do galego.

Máis relacións coa Galiza se León fose unha autonomía separada

O Colectivo Cidadáns do Reino de León é dos que defenden a división autonómica de León –que daría pé a unha comunidade xunto con "Zamora, Salamanca e O Bierzo, se os bercianos queren ser provincia"– e León. Malia que defenden a integración do Bierzo nese León reestruturado, quer como provincia, quer como comarca, o seu presidente, Carlos Javier Salgado, tamén recoñece que existen ligazóns entre Galiza e O Bierzo.

De feito, Salgado sostén que de ter unha nova comunidade poderían "traballar mellor con Ourense, Lugo, Estremadura e Portugal" que mentres continúen aparellados á Mancha. O representante do organismo non fala só a nivel económico senón tamén cultural, por pór un só exemplo. "Habería un maior intercambio en xeral", asegura.