Bicos contra o odio na Coruña e Vigo

[Imaxe ALEAS]

Os colectivos LGTBi Nós Mesmas e A.L.A.S convocan unha 'bicada' para demandar maior implicación política e institucional na loita contra a discriminación da diversidade sexual. 

 

Será o 30 de xaneiro na rúa Príncipe de Vigo (fronte ao MARCO) e na Praza de Lugo (A Coruña) ás 20h e visa sumar o noso país á campaña estatal que convoca unha bicada colectiva e simultánea en 15 cidades do Estado español. 

Através desta acción os colectivos LGTBi, a comezar por Nós mesmas e A.L.A.S, queren alertar do incremento de agresións contra a diversidade sexual producidos en 2014 e que se manifestaron en palizas a parellas homosexuais e bisexuais, un tratamento discriminatorio a persoas transexuais ou casos de acoso escolar. 

“Cremos que un bico, este feito tan simple e tan cotiá, segue a ser unha condea para moitas persoas. A través desta acción estatal unímonos contra a violencia, ás agresións lgtbfóbicas, contra a intolerancia e a discriminación dos que intentan gobernar coa violencia sobre a nosa orientación e a nosa identidade”, declarou Elisabet Pérez, representante de Nós Mesmas, con motivo da convocatoria. 

Neste senso, a bicada visa demandar unha maior implicación social, política e institucional na loita contra a discriminación da diversidade sexual.