Saúde

Betanzos denuncia unha vertedura ao río mentres continúan as restricións polo gromo de gastroenterite

Desembocadura río Mendo, en Betanzos. (Foto: Nós Diario)
A pasada noite as autoridades detectaron unha vertedura ao Mendo, nunha zona próxima á captación de auga, e o Concello elevará o caso aos xulgados. Todo isto nun momento no que o municipio segue con restricións ao consumo de auga por mor dun gromo de gastroenterite.

O Concello de Betanzos, na comarca das Mariñas, presentará unha denuncia perante o xulgado para que investigue unha vertedura que se produciu a pasada noite no río Mendo. Foi detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga, o que acrecenta o perigo e a necesidade de adoptar medidas, nun momento no que o municipio conta xa con restricións ao consumo por mor dun gromo de gastroenterite.

O forte "cheiro fecal" e a cor da auga fixeron que os responsábeis do servizo se desprazasen río arriba durante a noite para tentar dar coa orixe da vertedura. Segundo puideron constatar, e así se reflectirá no seu informe, tanto o cheiro como a turbidez da auga prolongábanse até a zona coñecida como Ponte dos Cabalos, no límite entre Coirós e Oza Cesuras.

Estes feitos puxéronse en coñecemento do consistorio e mais do Seprona por parte dos servizos da empresa concesionaria. Aliás, á primeira hora desta mañá axentes da Policía Local desprazáronse xunto a membros de Viaqua até a zona de captación onde aínda era visíbel a vertedura.

O informe elaborado, xunto ao que está a preparar a empresa en relación co sucedido esta mesma noite, alén de fotografías e vídeos e das analíticas da auga de tomas realizadas durante a noite desta terza feira e na mañá desta cuarta, que xa foron enviadas a laboratorio, serán incluídas na denuncia por parte do Concello.

Dúas semanas máis de restricións

Precisamente esta terza feira as analíticas realizadas por Saúde Pública e Viaqua constataron que a auga "segue dando resultado positivo en canto á presenza de norovirus, tanto no río como na rede, a pesar das accións de desinfección realizadas e acordadas entre Sanidade e a propia empresa".

As administracións acordaron "incrementar as actuacións, aumentando as accións de traballo nos catro depósitos, uns labores moi específicos que realizará un equipo especializado en depósitos de auga", sinalou o consistorio, que engade que tamén se fará nos filtros de area do sistema.

Todos estes traballos suporán un mantemento das restricións de consumo de auga. É dicir, mantense a restrición do uso de auga de abastecemento para que non se utilice para a inxesta —bebida ou preparación de alimentos—, lavado de alimentos nin hixiene bucodental.