Betanzos urxe a Xunta a analizar o río Mendo para determinar a orixe do gromo de gastroenterite

Desembocadura río Mendo en Betanzos (comarca das Mariñas). (Foto: Nós Diario)

Un total de 440 persoas víronse afectadas pola contaminación da auga potábel.

A alcaldesa de Betanzos (comarca das Mariñas), María Barral, reclamou esta terza feira á Consellaría de Infraestruturas realizar analíticas no río Mendo e facelo coa "máxima rapidez" para determinar se é ou non a orixe do gromo de gastroenterite que afecta o municipio.

"A relación entre o río e a rede municipal é clara", sentenciou a rexedora, quen remarcou a importancia de ter "limpa a rede e os depósitos". "Pero de nada serviría se hai presenza de virus na auga do río", dixo despois de que confirmarse presenza de norovirus en lugares como "na saída do depósito de cabeceira e no depósito da zona nova", ademais de na fonte da Condesa.

"Ese positivo en norovirus non se tivo até a sexta feira pola noite", precisou nun relato no que detallou o acontecido desde que se detectaron os primeiros casos de gastroenterites até o de agora. Respecto diso, cos últimos datos dispoñíbeis polo consistorio, son 440 as persoas afectadas con data da pasada sexta feira.

María Barral asegurou que hai a "sospeita" de que o virus poida estar tamén "fóra da traída e no Mendo", apostilou a rexedora, quen cualificou de "ousadas" as declaracións da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "nas que achaca a un problema na rede de abastecemento e non á contaminación no río".

"Non me atrevo a dicir que estea no río nin que non, pero entendo que hai que tomar mostras para confirmalo ou descartalo, todo parece indicar que podería estar no río", dixo a rexedora que si confirmou a recollida de mostras nos últimos días na fonte da Condesa por parte de Sanidade, entre outros lugares.

Así mesmo, asegurou que a día de hoxe esta é a "prioridade" e engadiu que, unha vez determinada a orixe, esixiranse "responsabilidades a quen corresponda". Mentres, sobre as persoas afectadas ou as dúbidas ante as restricións no uso da auga apelou tanto a particulares como a empresas a consultar á Xefatura Territorial de Sanidade, por indicación da mesma, segundo apuntou.