Saúde

O virus que provocou o gromo de gastroenterite segue presente na auga de Betanzos

Desembocadura río Mendo, en Betanzos. (Foto: Nós Diario)
As autoridades intensifican os labores de desinfección e acordan prolongar outras dúas semanas as restricións.

As tarefas de desinfección en Betanzos, na comarca das Mariñas, reforzaranse ao manterse a presenza na auga do virus causante do gromo de gastroenterite, segundo vén de informar o consistorio. Nun comunicado, explica que Concello, Sanidade, Augas da Galiza e mais a empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga mantiveron na mañá desta segunda feira unha nova reunión de seguimento e coordinación para continuar a planificación de actuacións na subministración.

A respecto diso, sinala que as analíticas realizadas por Saúde Pública e Viaqua "seguen dando resultado positivo en canto á presenza de norovirus tanto no río como na rede a pesar das accións de desinfección realizadas e acordadas entre Sanidade e a propia empresa".

Neste sentido, esta mañá as administracións acordaron "incrementar as actuacións, aumentando as accións de traballo nos catro depósitos, uns labores moi específicos que realizará un equipo especializado en depósitos de auga", sinala o consistorio, que engade que tamén se fará nos filtros de area do sistema.

"Os traballos, complexos tecnicamente, desenvolveranse durante os próximos días, evitando na medida do posíbel cortes na subministración e tomando analíticas continúas por parte de Sanidade e a empresa concesionaria, que hoxe tamén acordaron unha serie de medidas conxuntas en canto a analíticas", incide.

Todos estes traballos suporán un mantemento das restricións de consumo de auga. É dicir, mantense a restrición do uso de auga de abastecemento para que non se utilice para a inxesta —bebida ou preparación de alimentos—, lavado de alimentos nin hixiene bucodental.

Esta situación prolongarase até a última semana de mes, na que se completarán e e disporán xa todos os resultados das analíticas realizadas por Viaqua, Sanidade e Augas da Galiza para determinar se a auga é apta ou non para o consumo humano.