Un "berro conxunto" contra o machismo

(Arxina)
O de Clara Expósito, a muller que apareceu degolada a fin de semana na súa casa de Lugo, é o asasinato machista número 64 que se produce na Galiza desde que hai rexistro. Plataformas feministas e cidadanía non organizada mobilizáronse onte para reclamar "medidas reais" que impidan que esa cifra siga aumentando. 

Medio cento de concentracións espalladas por toda Galiza sumaron onte desde as rúas miles de voces  ao "berro conxunto" do movemento feminista galego perante o último crime machista, o de Clara Expósito Vilanova, perpetrado na cidade de Lugo. É, co da veciña da Pastoriza Manuela Iglesias, o pasado mes de xaneiro, o segundo asasinato dunha muller a mans da súa parella ou ex parella no que vai de ano na Galiza, unha cifra que no conxunto do Estado chega até as 10 mulleres asasinadas, cunha media de unha vítima cada catro días.

Desde as institucións, pero sobre todo desde as organizacións  de base, as mobilizacións serven para denunciar que as mulleres "somos asasinadas polo feito de selo, porque hai un sistema de opresión estrutural que se filtra en todos e cada un dos comportamentos que mantemos na vida", tal e como recolle o manifesto da coordinadora galega da Marcha Mundial das Mulleres. 

Na mesma liña posicionábase onte o Concello de Lugo na declaración institucional aprobada nun pleno extraordinario urxente, que salienta que a violencia de xénero "afunde as súas raíces na desigualdade histórica que tiveron e que aínda seguen sufrindo as mulleres como consecuencia do patriarcado existente nas nosas sociedades".

Nunha comparecencia na Coruña tras o minuto de silencio por este último crime, o delegado do Goberno, Javier Losada, indicaba que Galiza suma xa 64 mulleres vítimas da violencia machista desde o ano 2003, cando comeza a haber rexistros oficiais. Os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial ilustran a enorme desigualdade da violencia: entre 2009 e 2018 foron asasinadas no contexto da relación parella 38 mulleres na Galiza e un único home. 

De acordo coas cifras achegadas onte por Losada, o teléfono gratuíto 016 –un servizo seguro de denuncia, información e asesoramento en materia de violencia de xénero– recibiu o ano pasado 2.561 chamadas na Galiza, mentres que o protocolo de coordinación policial para o seguimento e protección deste tipo de casos coñecido como VioXén mantén activos 3.600 casos. Segundo apuntou tamén o delegado, só entre xaneiro e setembro do ano pasado rexistráronse a nivel galego máis de 5.000 denuncias policiais por violencia machista, incoáronse 1.500 ordes de protección e activáronse 57 dispositivos de control telemático de agresores.

Desde a Marcha Mundial das Mulleres volveron reclamar onte "medidas reais e efectivas" para a prevención da violencia machista e chamaron á mobilización social fronte aos discursos de odio e os recortes nos servizos públicos. "Non valen as boas palabras de condena pronunciadas ao día seguinte dun feminicidio, as declaracións institucionais, os minutos de silencio... Queremos feitos, queremos unha lexislación con perspectiva de xénero, queremos que se apliquen medidas contundentes e reais, recursos e orzamentos que garantan que se pode avanzar na formación de todos os axentes que interveñen na educación, a sanidade e a prevención e atención das mulleres que sofren violencia machista. Queremos avances e non compromisos", demanda o seu manifesto.

A consecuencia "máis tráxica" do machismo que se dá noutros ámbitos

Un dos obxectivos do movemento feminista é visibilizar os feminicidios de forma global e transversal, para que deixen de ser vistos como "sucesos íntimos". Esta mesma semana, a Audiencia de Lugo ten fixados dous xuízos contra dous homes por maltratar as súas parellas ou ex parellas e, nun dos casos, por tentar asasinala, a ela e o seu fillo, colándose na súa casa e abrindo o gas para intoxicalos ou causar unha explosión. Os asasinatos son, como denuncian desde a Marcha Mundial das Mulleres, "a máis tráxica consecuencia" dun "sistema patriarcal" que se manifesta en moitos tipos de violencia, desde a institucional que poden representar os recortes en servizo públicos esenciais como o sanitario ou o educativo á fenda salarial "ou a desvalorización dos traballos que realizamos as mulleres", advirten.