Os beneficios de Desaramar para a defensa do dereito ao aborto

[Imaxes PGDA]

A cantora Sés doou a recadación do seu proxecto musical á Plataforma galega en defensa do dereito ao aborto a quen agradeceu o seu traballo "militante" e "desinteresado" na defensa, dixo, "dun fin común: exercer o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos".

 

Fíxose público esta terza feira na Coruña mais na romaría lilá decorrida en Vigo o 15 de xuño xa era un ruxe-ruxe. A cantora Sés doou á Plataforma galega en defensa do dereito ao aboto o diñeiro recadado no seu festival Desaramar. Un proxecto no que a bertamirá quixo tronzar arames contra as inxustizas e pór a súa voz á loita por un tempo sen violencia mais no que contou coa colaboración doutr@s moit@s artistas como Tereixa Novo, Martín Sanjurjo, Mercedes Peón, Luis Tosar, Piti Sanz, Ugia Pedreira, Leo Arremecághona e Carlos Blanco.

Após o éxito recollido con Desaramar, Sés quixo contribuír na loita pola defensa do dereito ao aborto --á que ten amosado o seu apoio desde o comezo-- doando os beneficios de Desaramar á Plataforma.

"Teño que agradecer o labor que veñen realizando as mulleres que integran a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, un traballo militante e desinteresado que persigue un fin común, que é o de exercer o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos", subliñou Sés na comparecencia de imprensa decorrida na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. 

A cambio do seu xesto, o movemento feminista fíxolle entrega de varios obxectos como unha camisola co lema 'Aborto livre' ou unha vulva andina de veludo feita pola Asociación Musas de Perú. 

No acto tamén tomou parte a actriz Isabel Risco quen salientou o activismo de Sés en defensa dos dereitos das mulleres e un "exemplo personificado do termo sororidade, da irmandade entre mulleres diferentes, cómplices, que se propoñen traballar, crear e convencer, que se atopan e recoñecen no feminismo, para vivir a vida cun sentido profundamente libertario", afirmou.