Belén Vázquez, matrona en Verín: "A saúde mental non se ten en conta no embarazo, só os coidados físicos"

Belén Vázquez Gómez é matrona no Hospital de Verín. (Foto: Nós Diario)
Belén Vázquez Gómez (Ourense, 1981) é psicóloga e matrona, profesión que exerce desde hai sete anos no Hospital de Verín. Esta quinta feira recolle o Premio de Psicoloxía Rafael Burgaleta que concede o Colexio de Psicoloxía de Madrid polo traballo 'Depresión no embarazo e perfil de risco: É só depresión?' que asina a canda a profesora da USC Carmen Míguez. 
 

Saúde mental e maternidade. Non é doado asistir a un debate que faga coincidir estas dúas realidades. 

A diferenza doutros países, nin na Galiza nin en España existían estudos que abordaran o impacto da depresión durante o embarazo, así que cando iniciei a miña tese de doutoramento pareceume acaído sumarme á liña de investigación que xa viña desenvolvendo na USC a profesora Carmen Míguez, que me permitía, ademais, ligar as miñas dúas titulacións, como matrona e psicóloga.

Durante seis anos fixemos seguimento de 569 mulleres da área sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, desde o inicio do embarazo até un ano despois do parto. Levamos a cabo varias avaliacións. A principal referida á depresión, mais tamén valoramos outros factores como a ansiedade, o estrés ou o apoio social destas mulleres ás que tamén preguntamos polo seu perfil sociodemográfico.

Que concluíron?

Un dos primeiros obxectivos era demostrar que a depresión prevalece durante o embarazo. E constatámolo. Segundo as nosas indagacións, un 20% das mulleres xestantes sofren depresión, unha doenza que se sitúa moi por diante doutras que si se teñen en conta, como é a proba do azucre que se fai para saber se teñen diabetes estacional, a hipertensión ou a preclampsia; patoloxías que levan ás mulleres á consultas de alto risco. En cambio, a depresión, máis prevalente e con consecuencias iguais ou máis graves a longo prazo, non se considera. 

Por que non se contempla a saúde mental nos coidados do embarazo e do posparto?

É un reflexo da atención xeral á saúde mental no conxunto do Estado e da Galiza, que non se ten en conta. Séguense a privilexiar os coidados físicos. Neste ámbito particular, non se fai ningún tipo de cribado nin de proba, nin sequera se pregunta ás mulleres como están en ningunha fase da xestación. 

Dalgunha maneira a sanidade reduce o benestar da muller ao dun útero xestante.

E iso supón unha dobre estigmatización. Por un lado, o estigma que implica a doenza mental e, por outro, o que leva aparellado a propia maternidade.  Todo canto xira arredor do embarazo e da maternidade está moi idealizado. Entón, non cabe queixarse nin dicir que unha se atopa mal, que nada é tan bonito como se ve desde fóra. Séntense culpábeis. E cando por fin se animan a compartir o que lles pasa e se atreven a exteriorizalo, atópanse cun contorno próximo e mesmo profesional que tende a banalizar a súa situación: 'xa che pasará', 'son as hormonas'. E non se lle dá importancia. A isto hai que sumarlle que na consulta practicamente non se mira para elas: chegan, tómanlles a tensión, fanlles a ecografía e nada máis.

Que debe mudar e que cambios se poden introducir xa atender a saúde mental das mulleres xestantes?

De entrada, o ideal sería estabelecer protocolos como os que xa funcionan en Catalunya durante o seguimento do embarazo. Urxe incluír un capítulo de cribado da saúde mental para que todas as embarazas sexan valoradas polo menos unha vez cada trimestre. Isto permitiría observar calquera indicio de trastorno mental e derivar as pacientes ao especialista que sexa necesario. Ademais, faltan especialistas, formación e tempo. Maior formación en psicoloxía e tempo nas consultas. Son moi ríxidas. Faise o mesmo sempre nas mesmas semanas e non queda marxe para falar coas nais e escoitalas. 

Cales son os efectos dunha depresión non diagnosticada?

Está demostrado que a maioría das depresións posparto veñen desde o embarazo, das que non se fala nin se detectan. Ese proceso vaise estendendo no tempo e ten consecuencias tanto para a nai como para as crianzas. As mulleres que sofren depresión no embarazo teñen mais risco de seguir con ela no puerperio. Teñen máis ansiedade e estrés. Os nenos é habitual que nazan de forma prematura e con baixo peso. E estase vendo noutros países que a longo prazo teñen máis risco de que sufrir depresión, ansiedade e outros trastornos psicolóxicos na adolescencia e na vida adulta.

O 15 de outubro conmemorouse o Día Mundial do Duelo Perinatal, outra realidade agochada que mostra as carencias da atención mental arredor da maternidade.

A perda dun fillo en calquera fase do embarazo é máis habitual do que parece e case sempre traumática. No momento en que espera a vida a nai atópase coa morte. E estamos pouco preparadas para acompañalas nese proceso. Cómpre pensar mais nas nais, en facilitarlles unha despedida, en vixiar onde van quedar ingresadas e en erradicar as trabas burocráticas que dificultan o duelo.

O exemplo de Verín na saúde maternal

Dous anos despois de que Sanidade avanzase o feche do paritorio de Verín pola falta de nacementos e a perda de "pericia e experiencia" das traballadoras, o servizo de xinecoloxía e obstetricia do hospital comarcal desenvolve o seu labor cunha confianza renovada. "Pasámolo moi mal pero valeunos para reforzarnos como equipo e, sobre todo, para gañar a confianza das usuarias. De feito foi grazas a elas que se logrou evitar o feche do paritorio".

Neste tempo, puxeron en marcha varias iniciativas. "A que máis repercusión tivo foi a da educación maternal online, pioneira na Galiza. Permitiu que mulleres de todo o país nos coñecesen máis e moitas mesmo viñeran parir aquí". Están dispoñíbeis as 24 horas do día e buscan unha atención personalizada tanto no embarazo como no puerperio. "Queremos que conten cunha matrona de referencia sempre que o precisen".