“Belén está en Palestina”: o masacre do pobo palestino a mans de Israel tamén estivo presente nas Cabalgatas galegas

Reivindicación de BDS Galiza esta sexta feira, 5 de xaneiro, na cabalgata de Reis decorrida en Lugo. (Foto: Lugo por Palestina)

O número de crianzas asasinadas polo Estado sionista aproxímanse ás 10.000.

O asedio da Franxa de Gaza a cargo do Estado sionista de Israel elevou a 22.722 o número de persoas falecidas desde que o pasado 7 de outubro se intensificaron os ataques.

Unha situación que foi denunciada onte nas cabalgatas de Reis polo colectivo BDS (Boicot, Desinvestimento e Sancións) Galiza e pola Plataforma Lugo por Palestina, que “levaron á cabalgata dos Reis Magos os agasallos que non chegarán a Palestina”.

Con mensaxes como “Belén está en Palestina” na muralla da cidade de Lugo e cunha faixa luminosa nas rúas de Compostela, BDS quixo alertar de que “despois destes tres meses de xenocidio exacerbado, os agasallos non poden chegarlle ás case 10.000 crianzas asasinadas”.

Manifesto

“En Belén, en Gaza, na Cisxordania... na Palestina toda, Israel rouba e mata a infancia das crianzas, as primeiras e máis sensíbeis vítimas da atrocidade sionista”. Así comeza o manifesto co que o colectivo BDS difundiu na véspera do día de Reis a súa mensaxe.

Faixa luminosa de BDS Galiza esta sexta feira, 5 de xaneiro, na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: BDS Galiza)

Un comunicado que, alén dos asasinatos, fai referencia tamén á situación que se vive a día de hoxe en Palestina. “Centos de millares de crianzas expulsadas da súa terra, refuxiadas en campamentos provisorios que Israel tamén bombardea. Centos de millares de crianzas mutiladas física e mentalmente, con secuelas que van durar toda a vida. Centos de millares de crianzas sen atención médica, bombardeados sen piedade todos os centros de saúde e o persoal sanitario. Centos de millares de crianzas sen instrución escolar, arrasadas as súas escolas, institutos e universidades. Centos de millares de crianzas pasando fame, frío e sede, en perigo de morte por inanición.”

“Millares e millares de crianzas mortas baixo as bombas asasinas de Israel”, engaden, nun chamamento a “non ignorar, non esquecer, non virar as costas ás castigadas crianzas de Palestina”.

A solidariedade volve ás rúas

Cando están a piques de se facer tres meses desde que Israel intensificou o seu masacre sobre Palestina, veciñanza da Galiza volverá manifestarse en apoio do pobo palestino esta segunda cuarta, 10 de xaneiro, convocada po BDS Galiza, Galiza por Palestina, Mar de Lumes e a Asociación galaico-árabe Jenín.