As bebidas artesás galegas

Algunhas das cervexas artesás de produción galega do proxecto Beber Cercanía. (Foto: Cervexa Artesanal)
Os viños galegos son xa coñecidos en todo o planeta pola súa excepcional calidade. Nos últimos tempos, tamén as cervexas artesás, as sidras e os licores están a contar cunha crecente demanda tanto na Galiza como a nivel internacional. É preciso seguir apostando por estes produtos locais para que se consoliden no mercado. 

A publicidade foi sen dúbida un dos sectores que máis cambiaron o panorama do consumo nas últimas décadas. Vivimos nun constante bombardeo publicitario no que se anuncian produtos que moitas veces nin queremos nin necesitamos. Un bombardeo que ás veces semella imperceptíbel, invisíbel, pero que consegue agromar dentro dos espectadores unha pequena necesidade innecesaria que medra pouco a pouco. Que llo digan a Truman, quen, sen saber que vivía nun show televisivo, era vítima directa de numerosos anuncios publicitarios como o de “Mocacao, feito con sementes naturais dos montes de Nicaragua sen edulcorantes artificiais”.

Hai quen di que as marcas que consumimos definen a nosa personalidade. Toda marca que comercializa un produto conta tamén cuns valores e uns obxectivos que, como individuos, podemos compartir ou non. Se ben a finalidade obvia de todas elas é conseguir uns beneficios económicos, hai algunhas que, ademais, tamén apostan polo desenvolvemento dun consumo de proximidade que axude a dinamizar a economía local. Normalmente, estas últimas son empresas pequenas de produción artesanal.

Se por algo destaca o noso país na economía internacional é pola calidade dos seus produtos gastronómicos e dos seus viños. Mais ademais do marisco, do peixe e do albariño,  que acoden de inmediato á mente cando se pensa no máis internacional da nosa produción, existe unha nutrida lista de bebidas nacionais de produción artesá, cervexas, viños, sidras e licores, cuxa extraordinaria calidade está a impulsar unha nova forma de turismo que promove o coñecemento da cultura da produción tradicional destas bebidas, ofrecendo experiencias únicas nos seus propios lugares de orixe.

Sen dúbida, a bebida máis recoñecida da Galiza e que atrae miles de persoas cada ano para visitar a súa fábrica é a cervexa Estrella Galicia, da Corporación Fillos de Rivera. A marca produce 175 millóns de litros cada ano das súas diferentes variedades de cervexa na súa fábrica da Coruña e exporta a numerosos países do mundo. Mais ao lado deste gran xigante existen outras empresas de cervexas artesanais que, malia seren máis pequenas, ofrecen unha calidade en moitos casos claramente superior a aquela. As cervexas Colmo son un bo exemplo deste tipo de produción. A orixe desta variedade IPA está nun incendio na aldea de Vilarello dos Ancares.  Co fin de recuperar as terras e revitalizar o solo, realizouse no lugar unha gran plantación de centeo. Unha parella que participou nesta tarefa decidiu empregar o cereal para elaborar a cervexa Colmo, ao tempo que empregaba a palla para teitar as pallozas e hórreos da zona, dentro dun proxecto integral destinado a pór en valor os recursos da zona. Mireia Rodríguez, impulsora da iniciativa xunto con Manuel Gutiérrez, comenta que esta “é unha cervexa feita con todo o noso corazón e con moito amor pola terra. Todos os que coñecen a historia queren colaborar”.

Nos últimos tempos estanse a desenvolver diferentes iniciativas para darlle visibilidade ás cervexas artesás galegas, como a campaña “Beber Cernanía”, que naceu en xuño de 2020, impulsada pola web cervexaartesanal.org que asegura que “en tempos difíciles toca reinventarse, apostar polo produto de proximidade e de calidade”, facendo referencia á situación provocada pola pandemia. Algunhas das marcas coas que contan son AleAlé, Aloumiña, A cova da Serpe, Bubela, Augas Santas, A Ferrolana, Doménicus, Nós, Meiga, Píntega, entre moitas outras. A maior parte destas cervexas son de produción ecolóxica. Ademais, o proxecto vende lotes que mesturan varias destas marcas, como o de Terra, para ofrecer así unha degustación completa e variada.

Existe unha nutrida lista de bebidas nacionais de produción artesá, cervexas, viños, sidras e licores,  cuxa extraordinaria calidade está a impulsar unha nova forma de turismo

Os viños galegos tamén contan cunha gran fama mundial. Con cinco denominacións de orixe, Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, os caldos galegos son demandados en todo o planeta, especialmente os brancos, tan apreciados nas grandes celebracións. Na última década, ademais, os viños espumosos de orixe galega, elaborados con uvas do noso país, foron acadando unha importancia crecente e estanse a converter nunha moi boa alternativa aos clásicos champañas, cunha calidade cada vez máis próxima a estes. Algunhas das adegas máis importantes desta variedade de viños son Señorío de Ruibís, Terra de Asorei e as adegas Valdés. A súa gran calidade está a permitir un incremento exponencial no seu volume de facturación anual, tanto a nivel galego, como a nivel estatal e mesmo internacional.

Ademais das cervexas e dos viños, o sector da sidra ten igualmente gañado unha importante cota de mercado. A mesma corporación das cervexas Estrella Galicia, Fillos de Rivera, impulsou unha aposta firme pola sidra no ano 2001 en colaboración coa antiga Sidrería Galega, actualmente CustomDrinks, de cuxa unión naceu a recoñecida marca Maeloc. Co nome do bispo de Bretoña do século VI, a sidra Maeloc busca a innovación sen esquecer a tradición. A produción destas sidras baséase nun produto 100% galego, a partir de variedades de mazás do país raxaó, príncipe, pero, rabiosa e verdeña. Ademais, a marca pretende apoiar a comunidade local axudando a promover a produción de mazás galegas de maneira ecolóxica. Actualmente, Maeloc conta con unha boa variedade de sabores das súas sidras e moitos premios recibidos.

Con respecto aos licores, ao lado dos máis representativos da Galiza, o licor café e o augardente de herbas, nos últimos tempos foron aparecendo novas variedades de espirituosos que recollen perfectamente a esencia galega, encontrándose entre elas algunhas ofertas sorprendentes, como a de Dr. Zas, o resultado dunha colaboración entre Galicia OriginalDrinks e o Grupo Osborne, que creou o primeiro licor do mundo elaborado con pementos de Padrón. Con trazos picantes pero tamén doces, con sensación de suavidade e de frescura, este licor, que presenta unha cor verde intensa, está dirixido principalmente ás novas xeracións e, desde a súa presentación en 2019, está a conseguir unha excelente acollida.

A variedade de bebidas artesás galegas é enorme, polo que cómpre apostar polo produto propio que tamén conta cunha gran calidade.