Sermos Galiza 218

Unha bebé de orixe romanesa, sen acceso á sanidade durante 4 meses

O Sergas tardou catro meses e medio en resolverlle a cobertura sanitaria a unha bebé de orixe romanesa malia a súa condición de menor (a lei garante a atención a menores con independencia da situación administrativa en que se atopen). Publicamos un avanzo dunha reportaxe que poderás ler íntegra no novo número de Sermos Galiza.

A ONG Médicos do Mundo publicou un balanzo dos catro anos da aplicación do Real Decreto-Lei 16/2012, de 20 de abril, na Galiza. Esta normativa modificou de raíz o réxime do dereito á saúde no Estado español e, entre outras consecuencias, anulou as tarxetas sanitarias das persoas inmigrantes en situación administrativa irregular, agás nos casos de atención de urxencia ou emerxencia por enfermidade grave ou accidente; embarazo, parto e posparto; persoas menores de 18 anos; persoas autorizadas para estaren no Estado español como solicitantes de protección internacional como vítima de trata de seres humanos e de persoas sospeitosas de padeceren unha enfermidade que supoña un risco para a comunidade (programa de vixilancia epidemiolóxica).

No informe, a ONG dá conta das dificultades que sofren as persoas inmigrantes ás que a normativa lles garante o acceso á sanidade pública. “Temos detectado a través do noso traballo que se solicitan documentos extraordinarios, como o informe de denegación de asistencia sanitaria por parte do INNS para todos os menores con NIE”, denuncia Médicos do Mundo, que lembra que esa documentación non aparece recollida nin no documento de solicitude nin na instrución que regula o dereito do menor. Aliás, a ONG indica que a lexislación non esixe en ningures a necesidade de ter unha valoración dunha traballadora social como requirimento para que os menores accedan aos servizos de saúde, cando a resolución do 31 de agosto de 2012 da Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Saúde recolle esa obriga.

A nena, prematura, tiña dous meses e nai estaba moi preocupada porque non sabía se estaba enferma, xa que, desde que abandonara o hospital, non conseguira que a vira un médico

Un dos casos denunciados pola ONG é o dunha bebé de dous meses, de orixe romanesa, nada no Estado español. O Sergas tardou catro meses e medio en resolverlle a cobertura sanitaria malia a súa condición de menor. A bebé atopábase nunha situación administrativa irregular por careceren os pais de recursos para obteren o pasaporte (o consulado de Romanía no Estado español atópase en Bilbao e é requirida a presenza dos dous proxenitores, co custo que implica). A nena, prematura, tiña dous meses e nai estaba moi preocupada porque non sabía se estaba enferma, xa que, desde que abandonara o hospital, non conseguira que a vira un médico. De feito, á semana de lle daren a alta, tiña pautada unha revisión polo hospital mais, cando foi, non a atenderon no centro de saúde por non contar co cartón sanitario.

 

[Podes ler a reportaxe completa no número 218 de Sermos Galiza, dispoñíbel xa na nosa loxa e nos quiosques]