Beatriz Pombo, Medicina Interna do HULA: "A vacina de AstraZeneca, como todas as demais, prevén as tromboses"

Beatriz Pombo é responsábel da Unidade de Enfermidade Tromboembólica do Hospital Lucus Augusti de Lugo. (Foto: Nós Diario)
As vacinas revolucionaron a loita contra a Covid. Mais nas últimas semanas tamén deixaron o rastro duns poucos casos raros de tromboses entre persoas inoculadas con AstraZeneca e Janssen. Nós Diario conversa con Beatriz Pombo, membro do servizo de Medicina Interna do HULA, sobre os resultados da farmacovixilancia.

A aparición de casos inusuais de coágulos de sangue en persoas acabadas de vacinar con AstraZeneca, en Europa, e Janssen, nos EUA, acaparou a atención da ciencia e da poboación nas últimas semanas. Por que se fala tanto destes eventos adversos?

Primeiro, porque os coñecemos. E sabemos deles porque temos un sistema de farmacovixilancia que permite a notificación das reaccións adversas de todos os medicamentos autorizados. Cando se aproba un ensaio clínico, notifícanse todos os efectos adversos dos pacientes que participan no estudo, que non representan a poboación real. Polo tanto, unha vez admitido un medicamento, actívase o sistema de farmacovixilancia para dar conta de reaccións desfavorábeis que aparecen cando se empeza a utilizar a grande escala, no caso das vacinas contra a Covid, en millóns de persoas ao mesmo tempo.

Pero isto ocorre con todos os fármacos. A penicilina, que salvou moitísimas vidas, ten efectos adversos graves. Os anticoagulantes, os antibióticos, os anticonceptivos, a aspirina... Ningún produto é inocuo, pero hai que darlle tempo á ciencia para saber da importancia de cada acontecemento na súa xusta medida.

A farmacovixilancia funciona. E as vacinas? As autoridades reguladoras seguen a destacar o seu beneficio fronte o virus.

Nin a vacina de AstraZeneca nin a de Johnson & Johnson nin ningunha outra aumentan o risco de eventos trombóticos a nivel global, porque a poboación vacinada non rexistra máis episodios que a poboación non vacinada. É verdade que, con millóns de persoas inoculadas, detectáronse uns casos raros de trombose que tiñan unha relación temporal coa administración da vacina, coa que poden ter, ademais, unha relación causal. Pero nunha porcentaxe moi baixa, que non invalida o beneficio neto da vacina, que é altísimo. Eu diría que a vacina de AstraZeneneca prevén as tromboses, como as outras, porque a Covid é unha enfermidade que nun 10% necesita hospitalización, que ten máis de 2% de mortalidade e que, nos pacientes hospitalizados, até 20% teñen tromboses, unha complicación que agrava a súa evolución e incrementa o risco de disfunción multiorgánica. 

Polo tanto, se as vacinas logran diminuír o risco de enfermidade sintomática, hospitalización e morte por coronavirus a nivel global, teñen un efecto positivo, por iso as axencias reguladoras din que o beneficio é favorábel e que se debe seguir vacinando.

En que consisten os casos raros de tromboses detectados?

Non son tromboses habituais. Danse en localizacións inusuais, no cerebro e no abdome, e algunhas en localizacións típicas,  pernas ou pulmóns, case sempre acompañadas dunha alteración analítica: a baixada de plaquetas. Por que ocorre isto? O mecanismo inmunolóxico que hai detrás aínda non se coñece. Estase investigando. Mais está confirmado que se trata de tromboses progresivas, en localizacións inusuais, ás veces en territorio venoso e ás veces arterial, e que pode dar lugar a un fenómeno clínico moi grave denominado coagulación intravascular diseminada. É moi importante que o saibamos recoñecer a tempo porque ten un tratamento específico, e canto antes o diagnostiquemos antes cambiaremos o prognóstico dos pacientes.

Que síntomas deben alertar a poboación vacinada?

Os síntomas aparecen a partir do cuarto día tras a administración da vacina até dúas ou tres semanas despois. Unha trombose a nivel cerebral pode presentar unha cefalea intensa, unha dor de cabeza rebelde ao tratamento, que empeora se nos deitamos, máis forte a primeira hora da mañá, que pode vir acompañada de visión borrosa, dificultade para camiñar, confusión, falta de sensibilidade. Se se manifesta a nivel abdominal teríamos un cadro dixestivo con dor abdominal, vómitos, náuseas. No caso dunha embolia pulmonar teríamos dificultade respiratoria, dor no peito. E se fose unha trombose na perna, dor e inchazón. A maiores hai que reparar en posíbeis hemorraxias ou sangrados, manchas na pel, hematomas. En todos os casos habería que acudir ao médico para facer probas analíticas e comprobar as plaquetas mais  confirmar mediante probas de imaxe a localización do trombo onde temos a sospeita.

E a quen lle pode pasar?

Os estudos non permiten identificar unha poboación de risco específica. A maioría dos casos  déronse en mulleres novas, menores de 58 anos, e sas, sen antecedentes de interese. Pero non sabemos aínda se se debe a unha predisposición a estes eventos adversos ou se se produciron porque se vacinaron máis mulleres que homes. Estamos ante unha reacción anómala que non afecta a quen xa sufriu tromboses.

Máxima confianza nas evidencias científicas

Na comunidade médica "hai moita curiosidade porque se aclaren os mecanismos inmunolóxicos exactos que provocan estes eventos adversos graves e inusuais para poder identificar mellor os grupos de risco e recomendar a vacina máis acaída". A inoculación debe seguir adiante, recalca Beatriz Pombo. As vacinas son beneficiosas. A farmacovixilancia vai seguir actuando e "nós temos que estar alerta para diagnosticar axiña e contribuír a unha evolución clínica máis favorábel". "Todos os casos están a ser rexistrados. Tamén en España, onde hai casos relacionados coa vacina de Pfizer, de Moderna; aínda que os casos raros apuntan só as vacinas baseadas en vectores de adenovirus", sinala Pombo, quen reivindica "a máxima confianza na ciencia" fronte ao discurso de voces non cualificadas. "A información ten que estar avalada cientificamente e correspóndelle aos expertos".