Fernando Marlvar gaña a título individual outro premio Osíxeno e Alcoa faise con premio Dioxina colectivo

Beatriz Mato premio Dioxina 2020 e Salvemos o Iribio Premio Osíxeno ao activismo ecolóxico

Imaxe da ex conselleira Beatriz Mato, premio Dioxina 2020 que entrega Adega. (Foto: Nós Diario)

Adega dá a coñecer os gañadores dos premios Osíxeno e Dioxina de 2020, a título individual e colectivo, e mais o premio Osíxeno de Honra, que recae no debuxante Carlos Silvar.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) vén de comunicar, logo da realización da súa 45ª Asemblea Xeral na xornada do sábado, do fallo dos Premios Osíxeno e Dioxina 2020, que nesta edición cumpren os 20 anos.

Cos galardóns Osíxeno e Dioxina 2020, Adega quere subliñar o mellor e o peor do pasado ano desde a perspectiva ambiental e ecoloxista.

Premio Osíxeno de Honra 2020

Este galardón, concibido para subliñar unha traxectoria vital en defensa do ambiente e do patrimonio, recaeu desta volta no traballo e no compromiso co medio ambiente galego do debuxante, humorista gráfico e guionista Carlos Silvar.

Ademais dun histórico activista, Silvar é un dos máximos expoñentes da ilustración naturalista de Galiza e autor das guías de Natureza en galego de referencia.

“Comprometido co ecoloxismo galego, a súa vontade sempre estivo aberta a colaborar con Adega e con outras organizacións para a defensa ecolóxica do país, ben a través da docencia, ben por medio do deseño e ilustración de materiais educativos e divulgativos”, explican desde a asociación ecoloxista.

Unha das obras senlleiras de Silvar froito dese marco de colaboración con Adega foi o caderno Contra os vertidos radioactivos. Crónica da expedición ecoloxista de Adega a Londres 1983”.

Premios Osíxeno 2020

O recoñecemento das mellores actuacións ambientais en 2020 recaeron no activista e ecoloxista Fernando Malvar, “polo seu papel incansábel á fronte da plataforma A Rente do Chan-Pladever na defensa do Verdugo; e mais na Plataforma “Salvemos o Iribio”, na zona de Especial Conservación Ancares-Courel.

O río Verdugo está ameazado por un “transvasamento e condenado a seguir soportando os efectos dunha central hidroeléctrica (Ponte do Inferno) que data de 1899 e que continúa en activo, malia a ter caducado a súa concesión de explotación en 2017”, denuncian desde Adega

O premio Osíxeno colectivo 2020 para “Salvemos O Iribio” quere recoñecer o seu éxito conseguindo frear a construción do parque eólico  da Serra do Iribio.

Premios Dioxina 2020

Adega entrega estes premios a persoas e colectivos que teñan protagonizado as accións ou actitudes do ano máis nefastas para o medio ambiente galego.

En 2020, a asociación entrégalle este galardón de demérito á ex conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, “por protagonizar un dos casos máis escandalosos en Galiza de “portas xiratorias” ao pasar a ser directora de Desenvolvemento Corporativo da compañía eléctrica Greenalia só dous meses despois de deixar a política.

“Durante a súa etapa como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, a Xunta autorizou 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795.000€ en subvencións e 1.000.000€ en préstamos ás empresas do grupo no que agora traballa”, recalca Adega.

E o Premio Dioxina colectivo 2020 vai para ás mans de Alcoa “por querer abandonar a Mariña lucense sen saldar a súa débeda ecolóxica e social. En 2020, anunciou o despedimento de máis de 500 persoas sen un plan alternativo para o futuro da comarca e sen garantir o pago da súa débeda ambiental”.