BDS promove un manifesto polo boicote a Israel tamén na comunidade educativa galega

[Imaxe: Galiza con Palestina]

A campaña internacional Boicote-Desinvestimentos-Sancións conta con logros importantes no eido académico coma o apoio de Stephen Hawking e da American Studies Association's. Na Galiza, o documento foi subscrito por 250 persoas.


"O boicote académico porá Israel de xeonllos", recoñeceu Rivka Carmi, directora da universidade israelí de Ben Gurion, autoproclamada "orgullosamente sionista" e coa cal a Universidade de Santiago de Compostela mantén un protocolo de colaboración cuxos detalles nunca foron dados a coñecer malia que os intercambios entre o estudantado están a funcionar desde hai un ano, tal e como adiantou daquela o semanario Sermos Galiza.

Co obxectivo de que a comunidade educativa galega se sume a un boicote que a nível internacional xa conseguiu apoios tan importantes como o de Stephen Hawking ou o da American Studies Association's, a campaña BDS --Boitote, Desinvestimentos, Sancións-- publicou un manifesto en que @s asinantes esixen "a fin da ocupación e o desmantelamento do muro que divide Palestina", cuxa construción foi declarada ilegal en 2004 por Nacións Unidas. 

Aliás, colocan tamén como condicións para manter as relacións co estado hebreo que este recoñeza os dereitos do pobo palestino, así como a promoción do dereito de regreso á súa terra das persoas que foron expulsas desde que en 1948 naceu o estado de Israel. En coherencia co sinalado até aquí, quen subscribe o manifesto comprométese tamén a non introducir no ámbito educativo liñas de actuación "que contribúan a perpetuar a opresión" directa ou indirecta da poboación palestiniana. 

Neste sentido, instan á USC a cancelar o convenio de colaboración coa universidade de Ben Gurion e rexeitan a inxerencia da Cámara de Comercio España-Israel nos centros de ensino de Tui, Ribadavia e Monforte, concellos para os cales pretendía elaborar material didáctico dirixido ao alumnado da Primaria. O manifesto en prol do boicote na comunidade educativa pódese ler e asinar nesta ligazón.