PalMed: unha base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa

Unha estudante nunha biblioteca da universidade. (Foto: USC)
A iniciativa está coordinada polas catedráticas Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín.

USC e Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades presentaron PalMed, a nova base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa. O seu obxectivo é facilitar o labor dos investigadores interesados na realización de estudos paleográficos, grafemáticos, lingüísticos e ecdóticos sobre a produción trobadoresca do occidente ibérico.

Esta ferramenta posibilita que investigadores e estudantes poidan traballar de maneira simultánea en varios arquivos abertos mediante o salto dun campo a outro e dunha información a outra a través da navegación por diferentes interfaces moi intuitivas.

Hai algo máis de dúas décadas, púxose en rede a primeira base de datos de acceso libre que, contendo o corpus completo da lírica trobadoresca. Co paso dos anos, a ferramenta foi sometida a revisións e actualizacións continuas, atendendo tanto ás novas edicións críticas que ían aparecendo como ás novas investigacións que afectaban aos campos de busca. Este proceso de posta ao día da plataforma ocasionou que, na última versión MedDB.3, do ano 2016, se afinaran e simplificaran os procedementos de busca para unha maior axilidade de manexo da mesma.

“Precisamente, foi a experiencia no uso de MedDB o que determinou que o equipo responsábel do estudo da lírica trobadoresca no Centro Ramón Piñeiro comezase a deseñar un novo produto, que proporcionase as transcricións paleográficas dos manuscritos que transmiten as cantigas, estruturadas de tal modo que se poida traballar con elas de múltiples maneiras”, explica a catedrática da USC, Pilar Lorenzo Gradín.

Novas prestacións

PalMed,  coordinada polas catedráticas da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, favorece que o usuario poda follear o cancioneiro dixital mediante a opción de busca por manuscritos, que permite, ademais, comparar a transcrición ofrecida coa imaxe do testemuño correspondente. Asemade, ao utilizar a opción de busca por cantigas, o sistema constrúe un cadro sinóptico que permite ver en paralelo as versións de todos os manuscritos que transmitiron a peza seleccionada xunto coa edición crítica presente en MedDB.