Barreiros acolle un congreso científico sobre paisaxes alimentarias

Presentación o 9 de xuño. (Foto: Nós Diario)
A Cátedra Unesco de alimentación chega á Mariña.

O congreso internacional 'Paisaxes alimentarias: territorios e identidades sustentábeis', organizado no marco da actividade da Cátedra Unesco sobre Alimentación, Cultura e Desenvolvemento e da International Commisssion on the Anthropology of Food and Nutrition (ICAF), comezou esta segunda feira na localidade de Barreiros (A Mariña).

Na inauguración, ante unha trintena de investigadoras e antropólogos do Estado español, Portugal, Brasil e México, participaron o responsábel de Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Daniel García, e a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida. Neste encontro analizaranse  as dinámicas sociais asociadas ao feito cotián de comer nun contexto de emerxencia climática e global.

Entre elas  está a emerxencia climática nos montes  comunais en man común galegos, as prácticas alimentarias peregrinas, os valores resistentes e a perspectiva de xénero nas prácticas hortícolas, a etnografía do pastoreo, os esforzos para construír unha gastronomía nacional, as soidades e as tensións centro-periferia no feito de comer ou as dinámicas do reparto a domicilio nas cidades.

Ademais, tamén se achegarán pescudas sobre os valores emocionais, acerca das paisaxes ecosistémicas, identitarias e culturais nas que se producen os alimentos como a desnutrición e a fame cultural asociadas aos desastres naturais. 

Neste sentido, desde a  Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros afirman nun comunicado que estes temas enlazan coas liñas de traballo impulsadas desde ambas as dúas institucións en relación coa educación alimentaria, o consumo de proximidade e o apoio a modelos produtivos sustentábeis a través de diferentes programas e iniciativas, entre elas, a estratexia Eo Alimenta.