Análise

Os bares tamén son nosos

Entre 17 e 20% das violacións poderían estar mediadas pola submisión química (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press).
"Compartimos unha bebida e menos dunha media hora despois, tivemos un desmaio. A miña amiga tivo un accidente de coche e eu fun violada". Son as palabras dunha moza belga e son as mesmas dunha rapaza en Vigo, outra en Ourense e outra en Alacante. Xuntas, resoan en canles de resistencia nacidas á calor das redes sociais. Tirando dese fío violeta entro en contacto con algunha das denunciantes en Galicia. "É o que dixen en Instagram. Non lembro nada, pero á mañá seguinte sabía que algo pasara. Certa molestia na vaxina, cando te follan, sábelo".

Por suposto, o que lle fixeron a Ana (nome ficticio) no que comezaba como unha festa en Vigo non foi un acto sexual desexado e consentido, foi unha violación e hai que dicilo.

O medo é unha constante na vida das mulleres, unha estratexia de disciplina sexual que nos inculcan dende nenas pondo o foco na responsabilidade das potenciais vítimas de protexerse do perigo machista, omnipresente. Moitas das denunciantes medraron coa abstracta advertencia de que tivesen coidado co que lles botaban no vaso. Hoxe resulta que efectivamente o vaso tiña perigo, pero non só. Á administración de drogas de forma involuntaria por vía oral súmanse os casos de inxeccións subcutáneas que están sendo investigadas no Reino Unido.

Substancias tristemente famosas como a burundanga, e unha longa restra de produtos farmacolóxicos que por prudencia preferimos non nomear aquí, mestúranse con perigosas drogas de deseño e, tamén, coa subministración de alcohol etílico. Non son casos illados, segundo o Instituto Nacional de Toxicoloxía arredor do 17-20% de violacións poderían estar mediadas pola submisión química.

De acordo con Pablo Antolín, Médico de Urxencias Hospitalarias no Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, ante o incremento dos casos na nosa contorna, vénse de asinar un protocolo para tratar de atallar a altísima complexidade diagnóstica deste tipo de agresións. Cando chegan a Urxencias, e sempre no caso de que cheguen, “as vítimas acostuman referir confusión tras o consumo dunha copa, períodos de amnesia, desinhibición, espertares en lugares e con persoas descoñecidas, resacas desproporcionadas, perdas de coñecemento, alucinacións, alteracións na fala, mareos, somnolencia excesiva ou confusión”. El mesmo recoñece ter visto xa un par de casos en Ourense e a constancia doutros dous en Vigo.

Porén, nin todos os servizos sanitarios teñen os protocolos activados, nin moitos menos todo o persoal conta coa formación en xénero e violencias machistas que sería necesaria.

“Hai que aprender a beber, díxome o doutor que me atendeu en Vigo. Sentín vergoña, e culpa. A vergoña pasoume rápido, a culpa segue presente". A existencia e coñecemento dos protocolos, así como a formación específica son fundamentais. Tamén as leis, punto no que, grazas á enorme mobilización feminista recente, están a darse pasos importantes.

"Submisión química"

O proxecto de Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual aprobado o pasado 6 de xullo no Consello de Ministros, introduce expresamente como forma de comisión da agresión sexual a denominada “submisión química” mediante o uso de substancias e psicofármacos que anulen a vontade da vítima.

Aínda que gran parte do feminismo asevera que o punitivismo non é a solución, senón moitas veces o enmascaramento criminal dun problema social de profundas raíces, a cultura patriarcal na que nos movemos, o dereito penal ten un poder simbólico que convén utilizar. Máxime nun contexto como o noso, no que se denuncia unha violación cada oito horas, aumentar as garantías xurídicas das vítimas segue sendo necesario. Pero máis aínda avanzar en políticas públicas transformadoras das condicións sociais que posibilitan as múltiples violencias machistas.

Educación sexual 

De acordo con Chis Oliveira, catedrática de Filosofía no Instituto Alexandre Bóveda de Vigo e doutora pola USC cunha tese centrada na educación afectivo-sexual na adolescencia, non se pode desvincular o problema das violacións da deficitaria educación sexual.

“A día de hoxe, a educación sexual é practicamente inexistente, centrada na prevención de riscos e descansando sobre o voluntarismo das docentes que deciden facelo pasando de todo”. Por iso é urxente ofrecer unha educación sexual baseada na empatía, no respecto á diversidade e nos dereitos humanos, que descanse no concepto do desexo e desenmascare a submisión que ensina a machista industria do porno mediante a normalización da cultura da violación.

Malia todo, valora con cautela a proposta do Ministerio de introducir esta materia no ensino regrado. É positivo “pero hai que facelo con capacitación específica respecto diso”. Que asegure a rigorosidade dos contidos e protexa esta materia de posíbeis intrusións conservadoras que en nada mellorarían a situación. “Imaxina que os profesores de Relixión se puxesen a impartir isto”.

E claro, a experiencia xa nos demostrou o incompatíbeis que son ás veces os camiños da fe e dos dereitos das mulleres. A estar vivas, a ser libres e a divertirse onde, como e cando queiran. Porque os bares, do mesmo modo que as rúas, tamén son nosos.