Barbadás tornarase violeta coa súa I Romaría Feminista

Un momento da presentación da I Romaría Feminista de Barbadás

O Concello de Barbadás converterase o sábado 29 de setembro na capital da igualdade coa celebración da I Romaría Feminista, que se desenvolverá baixo o lema “Logo do 8M, camiñamos”, toda unha declaración de intencións para un evento que quere invitar á reflexión conxunta e a facer do feminismo un movemento sólido e con futuro.

O feminismo galego ten unha nova data que apuntar no calendario. O 29 de setembro Barbadás acollerá a I Romaría Feminista, un evento pioneiro que reúne dentro do seu programa diversas actividades: catro mesas de debate nas que participarán mulleres chegadas de diversos ámbitos do profesional e da loita feminista, concertos musicais, espectáculos de microteatro e poesía, un xantar popular, postos na rúa a cargo das mulleres emprendedoras de Barbadás e outras voluntarias e até un espazo de conciliación para nenos e nenas, pensado para facer desta primeira romaría un lugar inclusivo e comprensivo coa realidade das mulleres.

 

Ánxela González, concelleira de Cultura, Mocidade e Igualdade de Barbadás, defende o 8M como un movemento transversal que “non debe quedar nun espellismo senón que ten que avanzar”. “Vivimos nunha sociedade que está considerando o feminismo unha moda, e é bastante perigoso, por iso mesmo é importante educar e facer pedagoxía. Estes debates non só están enfocados ás persoas que xa estamos concienciadas coa igualdade, senón tamén a aquelas que poidan iniciarse dalgún xeito no feminismo” explicou a edila. Amais, a concelleira cre que esta romaría “é unha alternativa ás típicas festas de verbena, tan machistas e nas que as mulleres son totalmente cousificadas”.

 

Programa

 

A xornada comezará a partir das 11 horas coa mesa “Despois do 8M... que?, na que participarán a Marcha Mundial das Mulleres, a Plataforma Feminista Galega e o colectivo estudantil Curuxa Feminista. Ximena González, da MMM, insiste na importancia de organizarse a nivel local, e confía en que a romaría sexa a ocasión perfecta para a xestación dun colectivo feminista en Barbadás: “Desde a Marcha queremos facer un feminismo que constrúa, non só un movemento de acción-resposta contra o feminicidio. Queremos construír unha axenda propia e alternativa”. 

 

Pola súa parte, Pilar Estévez, da PFM, exporá as pautas a seguir polo seu colectivo á hora de desenvolver a próxima folga xeral do 8 de marzo, unha greve que define como “non patriarcal nin ao uso”, e pola cal “deberemos fixar novas prioridades e novas formas de entendela”. Precisamente é na necesidade de “autocrítica para non caer en dinámicas pouco inclusivas ou interseccionais” na que afonda Antonella Rodríguez, do colectivo Curuxa Feminista, quen defende a necesidade de “escoitar as voces de todas as mulleres para crear un movemento que nos represente a todas”.

 

Este evento pioneiro componse de mesas de debate, concertos musicais, espectáculos de microteatro e poesía

 

Despois deste primeiro debate, Nuria Vil e Vanessa Glemsel representarán, ás 12 horas, o recital de poesía “Dúas gamberras e un micro”, para dar paso á segunda palestra “Comunicadoras:  O impulso do feminismo”, na que participarán xornalistas de distintos medios: Cristina Huete de El País, Andrea Méndez do colectivo Xornalistas Galegas, Fernanda Tabarés de Voz Audiovisual e Susana Pedreira de Onda Cero Pontevedra. Esta última explicaba en declaracións a Sermos Galiza a importancia de normalizar programas e contidos nos que as voces femininas sexan maioritarias e os temas a tratar, totalmente universais, fuxindo do tópico de que as mulleres só poden falar de feminismo ou de temas ligados á muller. Fernanda Tabarés porá o foco na realidade das redaccións, “nas que hai un grande traballo pedagóxico das mulleres xornalistas en relación cos homes”.

 

Xa despois do xantar no espazo gastronómico da romaría, chega, ás 16.30 horas, a terceira mesa de debate “Violencias feminicidas: Propostas de futuro”, na que interveñen a especialista en igualdade Carme Adán, a xuíza Paz Filgueira e a portavoz da asociación contra a violencia de xénero Si, hai saída, Marta Engroba.

 

Ás 18.45 horas e logo da peza de microteatro creada e interpretada por Marta Pérez, “Sofía”, chega a derradeira palestra, integrada por mulleres políticas baixo o nome de “Políticas locais de igualdade: Un encontro necesario”, onde participan a alcaldesa de Allariz Cristina Cid, a concelleira de igualdade de Barbadás Ánxela González, a concelleira de PSOE en Lalín Celia Alonso e a concelleira de Compostela Aberta Marta Lois.

 

 

 



 

Os concertos

 

 

A música correrá ao cargo de Xestreu, De Vacas, The Tetas Van e Sés, artistas que unen a súa música co compromiso feminista e que comezará  as súas actuacións a partir das 20.30 horas. Xestreu forma parte dunha asociación cultural que tamén organizou, o pasado 25 de novembro no local rural A Arca de Noe (Vilar de Santos), un acto feminista con charlas protagonizadas por mulleres vítimas do maltrato, un concerto e venda de camisolas cuxa recadación foi doada integramente a unha asociación de Vigo contra a violencia de xénero. O título do seu primeiro álbum, Non me toques a saia, fai referencia á violencia machista, e, lonxe de ser un recompilatorio de canción protesta, é un disco de pezas tradicionais chegadas de Galiza e doutras partes do mundo. “Facemos un labor de recollida de cantigas tanto de aquí como doutros países e maioritariamente as que cantan son mulleres. Quixemos que o noso traballo se titulase así como homenaxe a todas elas. Transmiten desinteresadamente a súa sabedoría popular e non deben ser deixadas no caixón do esquecemento, pois, sen elas, a maior parte destas cantigas non se terían conservado”, explica Celia Garrido, unha das compoñentes de Xestreu. 

 

Pola súa parte, Lucre Gil, vocalista de The Tetas Van, insiste na importancia de educar no feminismo.

 

Nota: Na foto inserida no meio do texto aparece De Vacas