Un bañista, catro metros cadrados de praia

Praia das Dornas, na Illa de Ons [Imaxe: turismo.gal]

É o cálculo que fai o Goberno español para fixar o aforo dos areais e que publica o BOE.

O Goberno español establece no BOE que os concellos van poder fixar limitacións de acceso ás praias, acceso que será gratuíto, como de aforo, para asegurar que se respecta a distancia de seguridade interpersoal entre as usuarias.

Tamén se poderá establecer límites de tempo de permanencia nos areais, así como no acceso aos aparcadoiros das praias.


 

A efectos de calcular o aforo máximo permitido por cada praia, o Goberno español considera que a superficie do areal a ocupar por cada bañista será de aproximadamente 4 metros cadrados.

Nunha carta remitida recentemente pola Xunta ao ministro Salvador Illa, o Goberno galego salientaba as características das praias galegas, con grandes diferencias de superficie entre preamar e baixamar. Así, explica que a normativa ditada polo Goberno español pode dificultar o uso de moitas praias do país.

O actual cálculo, segundo detallan desde a Consellaría de Sanidade, considera que para obter a capacidade máxima permitida nas praias, tense que considerar unha superficie por bañista de aproximadamente 4 metros cadrados. Para facer este cálculo, engaden, hai que descontar da superficie útil da praia, como mínimo, unha franxa de seis metros a contar desde a beira da preamar.

Almuiña trasladou a Illa que esta restrición "impediría o uso de moitos dos areais galegos" e propón como "solución" que calcular a capacidade "na baixamar pasa por descontar da superficie útil da praia unha franxa de 4 metros desde a liña de baixamar". Porén, na preamar, habería que "descontar da superficie útil unha franxa dun metro dende a liña de preamar".