Bang Ban Cyanide: unha coligazón europea contra a minaría contaminante

[Imaxe Bang Ban Cyanide]

Vinte e dúas organizacións europeas presentan unha plataforma conxunta contra o uso de cianuro nas extraccións mineiras. 

 

ContraMINAcción, Salvemos Cabana e a Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños sumáronse á coligazón europea contra o uso de cianuro na minaría, presentada esta segunda feira (29 de setembro) no Parlamento europeo. 

Através dun comunicado conxunto, 22 organizacións non gobernamentais, grupos de acción e comunidades de Bélxica, Bulgaria, Finlandia, Francia, Grecia, Alemaña, Romanía, Eslovaquia, Galiza e Asturies, Reino Unido, República Checa e Turquía instan o candidato a comisario de Medio Ambiente, Karmenu Vella, a facer efectiva a oposición amosada pola Eurocámara a respeito do uso de cianuro na extracción mineira. 

"O cianuro non coñece fronteiras e pedimos á xente con conciencia de toda Europa que se una a nós neste esforzo"

"Sabemos que a minería industrial moderna é un proceso químico con risco, que non xera riqueza senón que contamina o medio, produce pobreza e dependencia", sinalan desde Bang Ban Cyanide como movementos actuantes en territorios atinxidos por proxectos mineiros contaminantes.

"A partir de exemplos en todo o mundo, tamén sabemos que cando as persoas se unen, gañan. Isto é o que sucedeu recentemente en Eslovaquia, onde se prohibiu a minería a base de cianuro", razón pola que, din, "chegou o momento de esixir que os responsables europeos por fin tomen medidas e fagan que a minería a base de cianuro sexa algo do pasado". 

Neste senso, europarlamentares de distintos países interpelarán o candidato a comisario a este respeito durante as audiencias de Karmenu Vella na súa procura de acceder á Comisaría de Medio Ambiente. 

"O cianuro non coñece fronteiras e pedimos á xente con conciencia de toda Europa que se una a nós neste esforzo", sentencian no seu comunicado público.