Unha bandeira LGTBI en Santiago, cuberta coa de España nun novo acto vandálico

O panel indicador, vandalizado. (Foto: Compostela Aberta/Twitter)
Segundo acto vandálico destas características ocorrido en Santiago de Compostela nun mes.

Despois de que o pasado mes de xullo aparecese vandalizado o panel indicador na entrada de Santiago de Compostela por San Lázaro, desta vez o acto de vandalismo foi contra un panel na zona de Santa Marta.

Estes paneis, decorados coas cores da bandeira LGTBI, apareceron pintados coa bandeira do Estado español. Tanto colectivos como Alas A Coruña en xullo, e formacións políticas como Compostela Aberta ou BNG no día de onte, denunciaron o ocorrido.

Neste sentido, Compostela Aberta, a través da súa conta de Twitter, asegurou que "non é vandalismo, é LGTBIfobia", e subliñou que "a alguén lle molesta que loitemos por unha Compostela Diversa".

Nun ton parecido se manifestou o BNG de Santiago de Compostela, tamén na súa conta de Twitter. Os nacionalistas sinalaron a LGTBIfobia como motivadora do ataque, e pediron ao Concello de Santiago que devolvese ao seu estado anterior o panel indicador.

Acto vandálico de xullo

O panel de San Lázaro foi o primeiro en ser vandalizado. A mudanza da bandeira LGTBI pola do Estado español foi censurada por diferentes persoeiros, como a tenente de alcalde da cidade, Mercedes Rosón, ou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela.

Tamén denunciou o “atentado” ao indicador Goretti Sanmartín, portavoz do BNG no Concello, quen advertiu da discriminación para un colectivo que “está sufrindo nas súas propias persoas unha involución ideolóxica brutal e unha extrema dereita que quere recuperar as mensaxes das cavernas”.

Aliás foron numerosos os comentarios que, a través das redes sociais, afearon o acto de vandalismo e pediron o arranxo. Do mesmo xeito, as redes comezan a encherse a esta hora de peticións ao Concello de Santiago para que restitúa o panel indicador "coa mesma celeridade" coa que o fixo en xullo.