De bandeira LGTBI a bandeira de España: vandalizado un indicador en Compostela

Indicador en Compostela (Imaxe: Alas A Coruña)

Na entrada de Santiago de Compostela por San Lázaro lucía un indicador coa palabra “Santiago” coas cores da bandeira LGTBI, con motivo do Día do Orgullo. Aos poucos días, foi mudada por unha bandeira española.

Unha bandeira de España tapa agora o indicador de “Santiago”, na entrada á capital da Galiza por San Lázaro, que até a tarde da terza feira lucía cunha bandeira LGTBI, coincidindo coas celebracións do Orgullo.

Entidades como Alas A Coruña amosaron xa a súa “firme condena” ao “acto vandálico” contra a comunidade LGTBI de Compostela.

Unha mudanza censurada por persoas como a tenente de alcalde da cidade, Mercedes Rosón, ou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela. Mais non só, pois son numerosos os comentarios que, a través das redes sociais, afean o cambio.

Tamén denunciou o “atentado” ao indicador Goretti Sanmartín, portavoz do BNG no Concello, quen advirte da discriminación para un colectivo que “está sufrindo nas súas propias persoas unha involución ideolóxica brutal e unha extrema dereita que quere recuperar as mensaxes das cavernas”.

Nas últimas horas, multiplicáronse as reaccións nas redes sociais: “Esa bandeira representa demasiadas cousas malas, este é un exemplo máis”; “non é o subconsciente, a ver se os entra na cabeza: españolismo é fascismo”; “vergoña”, “lamentábel”... replicaban usuarias e usuarios das redes.

A iniciativa de facer dos indicadores de entrada á cidade un símbolo do Orgullo partira do Goberno municipal para darlle visibilidade ao colectivo LGTBI.

O Concello restitúe o indicador

A media mañá da terza feira, o Goberno local informou de que o sinal xa fora limpado para restauralo ao seu estado orixinal e puxo de manifesto que este tipo de actos "non teñen cabida nunha cidade como Compostela, caracterizada polo respecto á diversidade e a igualdade".

A LGTBIfobia representa xa un de cada tres delitos de odio cometidos na Galiza

Por outra parte, segundo os datos do Goberno español aos que tivo acceso Nós Diario, na Galiza rexistráronse máis de 400 delitos de odio entre 2013 e 2020. A metade destes, 230, foron por racismo e, principalmente, pola orientación sexual e identidade de xénero da vítima.