1 de decembro: a bandeira azul e negra volve ás rúas, agora contra a impunidade

[Imaxes: arquivo SG]

O 1 de decembro fanse once anos da histórica manifestación que colapsou Compostela. A prensa internacional deu a cifra de 300.000 persoas. Unha maré humana (e de paraugas) exixiu a demisión dos responsábeis políticos do 'Prestige' e a declaración da Galiza como zona catastrófica. 1 de decembro é este domingo. Nunca Máis convoca protestos outravolta. Desta, para berrar contra a impunidade.


A Praza do Obradoiro encheuse. Non unha senón tres veces. Compostela ficou completamente colapsada e houbo quen non deu chegado porque nos accesos á cidade as ringleiras de carros eran quilométricas. A prensa internacional deu a cifra de 300.000 persoas. Unha maré humana que formou un vistoso manto de paraugas aquel 1 de Decembro de 2002, un día en que a chuvia, malia non arreciar, non puido calar a indignación.

"Dicímolo no código do mar: Delta India Mike India Serra India Oscar November: demisión", proclamou o escritor Manuel Rivas desde o micro. Expresou así a exixencia que resoou nas rúas da capital galega durante as por volta de catro horas que durou o protesto. Caía auga a chuzos. "Polycomander, Urquiola, Erkowit, Andros Patria, Casón, Mar Exeo e agora Prestige. Non queremos contar máis. Abonda!", continuou Rivas. "Estamos xa petroleados deica as praias das nosas almas", acrecentou.

"Demisión". "In-com-pe-ten-cia". "Marea negra, nunca máis". Galiza petroleada, o goberno en desbandada". "TVG, manipulación". "Máis pesqueiros e menos petroleiros". "Fraga, Aznar, todos a limpar". "A culpa de quen é? Do goberno do PP"... proclamas coreadas por os milleiros de gorxas que exixiron a demisión dos responsábeis políticos do afundimento do Prestige e a declaración da Galiza como zona catastrófica. 

1 de decembro volve ser este domingo. E Nunca Máis chama ás rúas outravolta. Concentracións nas sete cidades e na Mariña (Foz), agora para rexeitar a impunidade que deitou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que deixa a catástrofe sen culpábeis e condena só o capitán do barco, o grego Apostolos Mangouras, por un delito de desobediencia. Volven ser tempos de berrar.

"Xamais poderá dicirse que este pobo non se mobilizou, mollándose, namentres o seu presidente --daquela Manuel Fraga-- se autoxubilaba", proclamou hai once anos Carlos Blanco no Obradoiro. E concluíu: "Non quedemos máis en silencio, que non mexen por nós e digamos que chove".