A Banca ética ten unha cita esta fin de semana en Compostela

Os grupos de iniciativa territorial (GIT) de Galiza de 'Fiare' realizan un encontro de soci@s para avaliar presente e futuro dun modelo que aposta nas “finanzas ao servizo da xustiza social”.

Os grupos de iniciativa territorial (GIT) 'Galiza Norte' e 'Galiza Sur' de 'Fiare Banca Etica' van debater este sábado 3 de Outubro en Compostela sobre a situación actual da primeira cooperativa ética de finanzas que opera a nivel europeo así como sobre as retos e decisións de futuro a adoptar.

Fiare Banca Etica é o resultado da unión de dous proxectos que nacen baixo os principios das finanzas éticas: Banca Popolare Etica, un banco cooperativo que traballa en Italia desde 1999 e Fiare, que opera no Estado español desde 2005. Ambos os dous partillan os mesmos obxectivos, segundo os promotores, que fan especial fincapé na participación, o traballo en rede e o impacto social da actividade económica. “A finalidade é o financiamento de proxectos da economía social e solidaria e a promoción dunha cultura de intermediación financeira que actúe baixo os principios da transparencia, a participación, a democracia e o crédito ao servizo da xustiza social”, afirman.

Algúns dados: O capital social da Banca ascende a 49,7 millóns de euros e haii 87 grupos (GITs, Grupos de Iniciativa Territorrial) conformados polas persoas socias activas. Desenvolvéronse 835 iniciativas culturais. A finais de 2014 as clientas e clientes aforradoras ascenden a 40.226, das cales 31.303 son persoas físicas e 8.923 persoas xurídicas, o que supón unha captación de aforro de 970 millóns de euros. Outórganse créditos a organización, empresas e cidadáns que promoven iniciativas económicas e estilos de vida responsábeis desde o punto de vista social e medioambiental. O total de financiamento concedido polo banco foi 819,3 millóns de euros, a 10.042 clientas e clientes. Compre aquí destacar que a taxa de morosidade é de menos dun 2,5 %, moi lonxe do 9,5 rexistrado polo sistema bancario en xeral.