Baltar nega no Supremo conducir a 215 km/h na A-52: "Nunca superei os 200"
O senador do PP defende que non cometeu un delito contra a seguridade viaria e denuncia vulneración de dereitos durante a investigación.
O senador do PP José Manuel Baltar negou esta segunda feira que conducira a 215 quilómetros por hora nun tramo da autovía A-52, á vez que o seu avogado denunciou que se vulneraron os seus dereitos durante a investigación. A Fiscalía mantivo a súa petición de multa de 1.800 euros e a retirada do carné de conducir durante un ano e un día por un delito contra a seguridade viaria.
"Nunca superei os 200 quilómetros por hora", asegurou Baltar no xuízo decorrido no Tribunal Supremo para defender que non cometeu delito algún. Reiterou así a postura que xa defendeu en sede xudicial en decembro de 2023, cando declarou de forma voluntaria ante a instrutora da causa, a maxistrada Ana Ferrer.
Os feitos polos que se xulga Baltar remóntanse ao 23 de abril de 2023, cando foi interceptado, segundo o informe definitivo da Garda Civil de Tráfico, a 215 quilómetros por hora na A-52, ao seu paso por Asturianos (Castela e León), ao volante dun coche da Deputación de Ourense, da que era presidente na altura.
Na súa quenda de palabra, o senador relatou que foi interceptado por axentes de tráfico aquel día para informalo de que excedera o límite de velocidade fixado e insistiu en que en ningún momento lle dixeron que sería investigado nun procedemento penal.
"Díxome o axente notificador que o radar notificara 215 km/h e que se fose 216 km/h abriríanme un atestado (por un presunto delito), pero que era unha sanción administrativa. Iso foi o que se me notificou. E unha vez que dixen que renunciaba a recorrer, díxome: 'Prosiga'", narrou. Segundo explicou, logo decatouse de que se abriu un procedemento penal polos mencionados feitos.
A Fiscalía ve acreditado o delito
Para a Fiscalía, "queda acreditado que o acusado na tarde do 23 de abril de 2023 circulaba [...] á velocidade de 215 km/h cando a velocidade máxima nese punto é de 120 km/h, polo que concorren os elementos constitutivos de delito".
O representante do Ministerio Público mantivo a súa postura tras escoitar as testemuñas que compareceron onte que, ao seu xuízo, "aclararon todos os puntos" que permiten concluír que si cometeu un delito contra a seguridade viaria.
Aínda que o fiscal manifestou que lle "sorprende que un atestado por un feito tan simple conteña tantos erros—denunciados todos pola defensa—, incidiu en que "está acreditado con probas obxectivas que o acusado conducía o vehículo cun exceso de velocidade penalmente relevante".
Ademais, recalcou que "o eixo da defensa é que [Baltar] pagou a sanción imposta en vía administrativa, polo que poderiamos falar de recoñecemento de culpa".
O avogado de Baltar denuncia "erros" no atestado
O avogado de José Manuel Baltar, Ramón Montero, asegurou que o senador "circulaba a 199 quilómetros por hora" —non a 215 km/h, como recolle o informe—, polo que non cometería un delito contra a seguridade viaria e debería ditarse unha sentenza absolutoria.
Segundo manifestou, abriuse o atestado a Baltar pola súa condición de dirixente do PP e entón presidente da Deputación de Ourense. Neste sentido, denunciou que o atestado que deu lugar ás actuacións penais foi "modificado" entre "sete ou oito veces" para alterar a velocidade á que circulaba, o punto quilométrico e os axentes que estaban naquel momento, entre outros puntos.
"Houbo unha infracción dos dereitos do meu representado", sinalou o letrado, á vez que insistiu en que a investigación se abriu a "costas" de Baltar.
Así mesmo, incidiu en que non se pode xulgar o senador por uns feitos que xa foron resoltos pola vía administrativa, o que suporía unha vulneración do principio 'non bis in idem', que impide sancionar en máis dunha ocasión o mesmo feito co mesmo fundamento.
Sobre este extremo, a Fiscalía asegurou que non hai vulneración algunha porque unha sanción penal pode ir en paralelo a unha infracción administrativa. E lembrou que a multa que reclama neste procedemento penal restaríaselle o abonado pola vía administrativa.
Á marxe, a defensa tamén denunciou a publicación "case simultánea" na prensa de datos recollidos no atestado, así como a fotografía do vehículo de Baltar.
Un axente di que lle "soprendeu" a velocidade de Baltar
No marco do xuízo, un axente da Garda Civil que estaba de servizo o día dos feitos —e que colocou o radar na A-52 que captou a Baltar— declarou ante o tribunal que o dirixente do PP ía a 215 km/h. "Sorprendeunos o paso do vehículo", dixo, ao tempo manifestou que "estes excesos de velocidade non son comúns".
Segundo relatou en condición de testemuña a preguntas do fiscal, a velocidade de captación foi de 215 km/h e, ao aplicar a marxe de erro do 5%, a velocidade aproximada sería de 204 km/h. "Iso supera os 200 k/h, co cal estamos#ante un ilícito penal", apuntou.
Con todo, explicou que, "ante a dúbida que tiña como operador" de aplicar unha marxe de erro do 5% ou do 4% —polo modelo de cinemómetro—, "optouse pola infracción administrativa até ter constancia" de que porcentaxe correspondía.
Con todo, manifestou que indistintamente das dúas opcións que barallaba tratábase dun ilícito penal, pero que no atestado non o reflectiu.
Ao fío, a defensa recalcou que o atestado recolleu unha marxe de erro do 5% ou do 7% e afeou que, ao ser detido o vehículo na A-52, non se informara a Baltar de que podía ser obxecto dunha investigación penal, como fixa o protocolo.
Outro axente da Garda Civil que participou no control de velocidade que se lle practicou a Baltar relatou que ese 23 de abril notificóuselle ao senador unha infracción administrativa. "Non lembro a velocidade exacta, pero era bastante elevada", apuntou, aínda que sinalou que ese día informou do dato específico ao dirixente.
Un terceiro axente limitouse a sinalar que unicamente asinou como testemuña o boletín relativo a Baltar. Pola súa banda, un cuarto garda civil —o que estivo a cargo de instruír o atestado— ratificou o documento no que consta a marxe de erro do 5% e indicou que se tramitou unha infracción administrativa —e non unha dilixencia penal— porque nese momento non tiñan o certificado do cinemómetro, que se confirmou despois.
O caso tramitouse "como o de calquera cidadán"
Por último, o que era capitán da Garda Civil no momento dos feitos —agora comandante— explicou que "debería de aplicarse outro tipo de marxe de erro", polo que en lugar dunha infracción administrativa podería ser obxecto dun delito penal. "Foi o motivo polo que ordenei a instrución de dilixencias, por se tivese relevancia penal", sinalou.
Preguntado sobre se sabía que Baltar era presidente da Deputación de Ourense cando deu aquela orde, a testemuña dixo que non. Aínda que sinalou que logo si tivo coñecemento diso, insistiu en que se realizou o trámite "como o de calquera cidadán normal". "Simplemente cometeuse un erro", dixo.
Aínda que este asunto recaeu nun primeiro momento nun xulgado da Galiza —que abriu xuízo oral contra Baltar por feitos supostamente constitutivos de delito—, cando se acreditou a condición de senador de Baltar, dito xulgado inhibiuse e enviou as actuacións ao Tribunal Supremo, que agora terá que pronunciarse.