Baltar e Calvos de Randín rexistran as temperaturas mínimas: menos de 13 graos baixo cero

Quitaneves en Folgoso do Courel

Os concellos de Baltar e Calvos de Randín rexistraron na mañá de hoxe temperaturas por baixo dos 13 graos baixo cero, as máis baixas de toda Galiza nas últimas horas e nos últimos días.

Segundo figura nos valores extremos que recolle a web de Meteogalicia, a estación meteorolóxica de Baltar notificou -13,2 graos centígrados ás 8:50 horas desta sexta feira e a de Calvos marcou -13,1 ás 8:30.

No entanto, os termómetros tamén caeron por baixo dos 10 graos baixo cero no observatorio do lugar de Vilela, en Verín, con -10,6 graos ás 9:10 horas; e no de Corzos, no municipio da Veiga, con -10,1 graos ás 6:50.

Ademais, entre as estacións meteorolóxicas situadas a unha altitude maior de 900 metros, outras dúas estacións figuran como as que marcaron temperaturas máis baixas de Galiza: a de Viana do Bolo  con 9,8 graos negativos ás 8:40; e a de Mouriscade, en Lalín , con 7,7 graos baixo cero ás 9:00.

En canto ás estacións a menos de 900 metros, as mínimas estiveron na de Cabeza de Manzaneda, a -9,4 graos ás 7:10 horas; no Cebreiro, en Pedrafita do Cebreiro, a -8,3 ás 7:20 horas; na Mezquita, a -7,9 ás 8:50 horas; e en Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, a -7,8 graos ás 4:30.