Baltar adxudicou 'a dedo' máis de 18.000 euros a Javier Negre por unha entrevista en YouTube

Manuel Baltar, presidente da institución, no Senado. (Foto: Deputación de Ourense)
'Estado de Alarma TV' concorreu sen ningunha competencia para adxudicarse un contrato que finalmente ascendeu até os 18.143 euros.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, adxudicou 'a dedo' 18.143 euros ao xornalista español de extrema dereita Javier Negre, por unha entrevista na súa canle de Youtube 'Estado de Alarma TV'.

Tal e como recolle a Plataforma de Contratación do Sector Público, o motivo desta contratación é a "xeración e difusión de contido audiovisual en canles dixitais", e foi tramitada mediante a vía do contrato menor.

Ao aplicar esta ferramenta, as administracións teñen a potestade de outorgar contratos a empresas sen que estas teñan que pasar por un concurso público.

Neste tipo de contratos, a contía límite para poder ser adxudicados é de 15.000 euros, sen contar os impostos. No caso deste contrato, a Deputación de Ourense estabeleceu o prezo de 14.995 euros, cinco euros por debaixo do límite legal.

Contrato sen competencia

Eda Tv Consulting S.L., a empresa que está detrás da canle de YouTube de Negre, presentou unha oferta de 11.846,05 euros, aos que se lle deben sumar os impostos.

Ao tratarse dun contrato menor, a institución non tiña obriga ningunha de publicar o prego de condicións do contrato, evitando así que moitas empresas teñan coñecemento dese contrato.

Tal e como explica o dixital Galicia Press, que tivo acceso á proposta de contratación do expediente, o obxectivo da relación comercial entre a Deputación de Ourense e Javier Negre é "asegurar a difusión e promoción entre a poboación dixital das potencialidades de Ourense".