Inundacións, balsas de auga e árbores caídas: máis de 130 incidencias na Galiza polo temporal

Árbores caídas no centro da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Ao longo da xornada producíronse varios accidentes de tráfico ligados ás condicións climáticas.

As condicións meteorolóxicas adversas desta quinta feira deixaron máis de 137 incidencias por toda Galiza entre medianoite e mediodía, segundo cifras da central de emerxencias do 112. As máis frecuentes foron en estradas, onde os servizos de emerxencias tiveron que intervir por árbores e pólas (45), terra e pedras (29) ou inundacións (24). Por provincias, a de Pontevedra resultou a máis afectada polo temporal, con 62 sucesos, seguida da Coruña, con 31; Ourense, con 26, e Lugo, con 15. 

Ao longo da xornada producíronse varios accidentes de tráfico ligados ás condicións climáticas. En Ponteareas (O Condado), dous coches bateron contra unha árbore pouco antes das 8 horas da mañá na estrada N-120, en Xinzo, sen provocar feridos. Un aviso semellante chegou ao 112 contra as 10.45 horas, cando unha árbore caeu enriba do parabrisas dun camión na A-55 ao seu paso por Atios, no Porriño (comarca de Vigo). Por fortuna, o condutor está ben.

De madrugada, ás 3.45h, unha furgoneta saíu da vía por unha balsa de auga no quilómetro 151 da AP-9, en Redondela (comarca de Vigo). Algo parecido ocorreu sobre as 10h da mañá cun coche que se atopou coa AP-9 asolagada e quedou atravesado nesta autoestrada, en Santiago.

Así mesmo, foron varios os anegamientos de vivendas —nove— e as actuacións de varios servizos de emerxencias para evitar riscos maiores —oito—, como apontoar muros ou retirar vexetación de forma preventiva. En Vigo, sobre as 9.30 horas, asolagouse a zona de vestiarios do estadio de Balaídos.

Concellos máis afectados

No Rosal (Baixo Miño), segundo explica a Europa Press a alcaldesa, Ánxela Fernández, o desbordamento do río Carballas, tamén coñecido como Tamuxe, asolagou algunhas estradas, "pero a priori parece que o que son as vivendas non están afectadas". Trátase, segundo a rexedora, dunha situación "frecuente" cando hai choivas torrenciais, como ocorre este xoves cunha alerta laranxa activada. Iso si, polo momento este concello viviu "as típicas incidencias do mal tempo", con árbores caídas e parcelas agrarias asolagadas, ningunha de gravidade.

"Choveu moito esta noite, hai previsión de que haxa choivas continuadas e, por tanto, quero trasladar á poboación que non se acheguen ás zonas do río e que manteñan todas as precaucións", recomenda Fernández.

En Ponteareas, a Policía Local lanzou un aviso a través de redes sociais para informar do corte da estrada que vai a Freixa, polo acceso da N-120 ata o cemiterio de Ribadetea; así como da estrada da Ribeira, en Moreira.

Desde O Porriño, o seu alcalde, Alejandro Lorenzo, confirma a Europa Press que "por agora", a pesar da alerta da Xunta, o Louro non empezou a desbordar. Ademais, o seu municipio non rexistrou máis incidencias que algún muro caído e ramas na estrada, "nada que implicase unha gran mobilización de efectivos".

Tamén están en alerta algúns concellos do sur do país. En Lobios, a alcaldesa, María del Carmen Yáñez, advirte que a suba do río xa motivou o precintado dunha ponte que une a OU-540 coa localidade de Canceiras. E neste mesmo concello, o GES tivo que cortar unha estrada municipal en Xendive, porque estaba a afundir, segundo información do 112.

En Castrelo do Val, a caída de terra e pedras do monte taponou a OU-114 por completo á altura de Campobecerros sobre as 11 horas da mañá. E no Carballiño, un condutor chamou ás 7.30h da mañá á central de emerxencias para indicar que levaba varias horas atrapados nunha pista de terra. No seu rescate interviñeron axentes da Policía Local.