O baleirado masivo de encoros pode potenciar a actividade sísmica

O encoro de Belesar —entre Chantada e O Saviñao— após ser baleirado o pasado mes de agosto (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A presa de Belesar está hoxe a 27,9% da súa capacidade, logo de que Naturgy decidira baleirala o pasado mes por baixo das cotas habituais. Soltar a auga de forma masiva pode provocar desprendementos de terra e terremotos. Xeólogos de todo o mundo teñen confirmado esta relación.

A sismicidade inducida é o fenómeno referido aos tremores da terra provocados pola acción humana e non polo movemento natural das placas tectónicas. Unha das principais causas é o fracking, técnica de extracción consistente en fracturar rochas que teñen petróleo e gas atrapados no seu interior. En 2013, o proxecto Castor, promovido polo Grupo ACS nas augas do Mediterráneo para inxectar e extraer gas natural, desencadeou unha serie de terremotos —o maior de 4,2 puntos na escala de Richter— que provocou a súa clausura polo temor a unha posíbel catástrofe.

Os encoros tamén teñen unha estreita relación de causalidade con este fenómeno, moi estudada a nivel internacional nos últimos anos; non así na Galiza e no Estado español, onde a Administración nega que exista un vínculo. As investigacións comezaron a cobrar relevancia na década dos 60, cando un grupo de científicos vencellou o terremoto de magnitude 6,6 que en 1967 arrasou a práctica totalidade da cidade india de Koynanagar e provocou 180 vítimas mortais coa enchedura da presa de Koyna, estreada uns meses atrás, nunha rexión na que nunca se rexistrara actividade sísmica significativa.

Desde entón, téñense detectado arredor do globo máis de douscentos terremotos na contorna de grandes encoros. Un deles tivo lugar na Galiza; en concreto, o 22 de maio de 1997, cando a terra tremeu en Becerreá e Triacastela co maior sismo desde que existen rexistros, de magnitude 5,1, que se tería producido por mor da acción sobre o territorio da presa de Belesar, situada entre os concellos de Chantada e O Saviñao.

"En Belesar non hai unha falla activa", di o xeólogo Vidal Romaní

Esta mesma semana volvéronse producir sismos na contorna do maior encoro do país, con epicentro no Páramo e Láncara. "Non ten sentido pensar que en Belesar, onde se ergueu un grande encoro, poida haber unha falla activa, xa que estas non adoitan coincidir cos cursos dos ríos, como é o caso do Miño", explica a Nós Diario o catedrático de Xeoloxía e profesor emérito da Universidade da Coruña Juan Ramón Vidal Romaní.

Logo, se estes tremores non son consecuencia do choque natural entre as placas tectónicas, por que se producen? "Vemos como se repiten ano tras ano, sempre nesta mesma época, coincidindo co baleirado das presas. Descárganse de súpeto millóns de toneladas de auga e iso provoca a hidroisostasia, isto é, o equilibrio da litosfera. Cando diminúe o peso que exerce a auga encorada, érguese a codia terrestre e causa sismos de baixa intensidade", afirma.

Vidal Romaní lembra que todas as grandes presas deben contar cun sismógrafo para detectar eses movementos, malia que no caso de Belesar falta información ao respecto: "Que pasa coas ondas sísmicas que se producen aí? Que pasa co encoro? Que di o sismógrafo? Que eu saiba, ninguén sabe nada del", cuestiona.

Verter a auga de forma controlada

A forma de evitar que a terra trema polo baleirado dos encoros, asegura o xeólogo, é soltar a auga "aos poucos", e non "de golpe". "Mais as empresas enerxéticas teñen os mellores lectores meteorolóxicos e saben cando van vir as fortes choivas, así que uns días antes optan por baleirar as presas porque, deste modo, toda a auga que reciban vana poder aproveitar para xerar enerxía eléctrica. En cambio, se xa os teñen cheos, teñen que liberar a auga sen quitarlle proveito ningún", sostén.

"Na época da ditadura precisábanse os encoros galegos porque a maior parte do Estado era desértica, mais hoxe cumpriría seguirmos o exemplo de países como os Estados Unidos de América, que están a reducir a capacidade dos encoros. Hai que actuar amodo, con tempo, porque se non, temos medio país que non pode prender a luz polo prezo e as empresas marchan porque non poden traballar sen enerxía eléctrica", engade.

Outros riscos do baleirado

Alén da sismicidade inducida, o baleirado masivo dos encoros provoca grandes perdas para o sector pesqueiro: "Toda esa auga vértese nas rías, e se está a marea baixa morre todo o marisco porque a auga doce se converte en salgada", expón. Aliás, pódense producir "fortes desprendementos de terra nas dúas beiras do río, que está cheo e de súpeto queda baleiro".

O estado actual das presas

Segundo os datos máis recentes, hoxe o encoro de Belesar atópase a 27,9% da súa capacidade, e o conxunto das presas do país apenas chega a 46,5%, uns rexistros moi inferiores aos dos anos precedentes.

Fraga ocultou un informe sobre encoros e sismicidade

O xornal A Nosa Terra foi o primeiro en facerse eco, en 1997, do vencello entre os encoros galegos e a actividade sísmica. Fontes deste medio sinalan a Nós Diario que o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, pedira un estudo que abordase esta cuestión, mais evitou que se dese a coñecer presionando os científicos que o elaboraran para "evitar que se relacionase a sismicidade inducida coa presa de Belesar".