A renda básica ''é viábel'' gravando grandes fortunas e recortando no gasto militar e da Igrexa

A coordinadora estatal contra a exclusión social Baladre e a oficina dos dereitos sociais de Coia presentan o libro Repartindo a nosa riqueza. Sosteñen que a medida, un salario social de 878€ para cada persoa a quince anos vista, "non é ningún cataclismo" tomando en conta que en menos de tres anos houbo inxeccións millonarias de diñeiro público para rescatar os bancos. Desempregad@s, pres@s, sen teito, persoas con diversidade funcional e mulleres en situación de violencia machista, serían os cinco colectivos prioritarios


Galiza, 2012. En até 24 mil fogares non entra ningún tipo de ingreso, 400 mil galeg@s viven por debaixo do limiar da pobreza, a banca bota da casa 50 persoas ao día executando desafiuzamentos entrementres só en Vigo hai 20 mil inmóbeis baleiros.

O sindicato de técnic@s do ministerio de Facenda, Gestha, di que as grandes empresas tributan só o 9% dos seus beneficios, fronte a un mínimo do 15% exixido para a clase traballadora.

Acrecenta que o PIB somerxido no país —26,3%— e no estado —23,3%— duplica a media europea —13%—, e reducilo en 10 puntos aumentaría os ingresos en case 3 mil millóns cada ano. Diante deste panorama, só 5 mil persoas cobran a Risga, a renda básica de inserción.

"A xente está farta de que lle digan que non hai diñeiro" di Diego Lores, da Oficina de dereitos sociais do barrio vigués de Coia. Esta entidade, xunto coa coordinadora estatal de loita contra a exclusión social Baladre, presentou esta sexta feira o informe sobre a viabilidade de implementar na Galiza a Rbis, Renda básica das iguais, a paga que percibirían todas as persoas polo feito de naceren e co obxectivo de cubriren as súas necesidades básicas. A contía, o 50% da renda per capita, ascendería a día de hoxe até os 878 euros.

Non é a única medida, mais é unha medida viábel
Na conferencia de imprensa en que se presentou o estudo, tanto Lores como Manolo Bayona e María Fidalgo, membr@s de Baladre, insistiron en dúas conclusións taxativas. Dunha banda, que a renda básica é "máis unha medida" para pór en cuestión o sistema capitalista, rachalo e erguer outro "onde o máis importante sexa a vida das persoas". Doutra, que a aplicación desta achega na Galiza "é viábel, tanto política como economicamente".

Nesta liña, perante unha das críticas máis manidas que se lle fixeron a esta medida, que ao cobraren este salario social as persoas deixarían de procurar emprego, unicamente o 10% da poboación recoñeceu que procedería desta maneira. O estudo, que arrincou hai catro anos, preséntase agora nunha realidade "que facilita a acollida, após a campaña dos grandes medios de comunicación e do propio goberno" na liña de publicitar a austeridade como eufemismo dos recortes en dereitos sociais.

Que o debate agrome nas rúas, non nos parlamentos
"Esta non é unha iniciativa para levar aos parlamentos, senón para debater desde a base, para inocular un virus que incite á destrución deste sistema", atallou María Fidalgo, explicando que a implantación da renda non sería xeneralizado. No informe póñense prazos, e sinálanse cinco colectivos prioritarios: persoas no desemprego, mulleres en situación de violencia machista, pres@s, sen teito e aquelas que conviven coa diversidade funcional.

Fidalgo subliñou que a medida alentará o debate ao redor de como frear "o terrorismo financeiro que se ceba especialmente coas mulleres", pois "un número importante" de desafiuzad@s son mulleres que encabezan unha familia monoparental, que teñen ao cargo persoas dependentes ou crianzas e que foron maltratadas polos seus homes. Colocou riba da mesa o recorte de 200 millóns na dependencia, que se vén sumar ao xa anunciado en abril e que "perpetúa o rol de coidadoras e a división sexual do traballo".

Recortar onde hai: exército, grandes fortunas, Igrexa
Así as cousas, o libro leva por título Repartindo a nosa riqueza e que conta coa colaboración de recoñecidas economistas como a guipuscoana Miren Etxezarreta e o seu compañeiro, o ourensán José Iglesias Fernández, quen non puido asistir á presentación por problemas de saúde, mais que foi un dos introdutores do debate sobre a renda básica na Galiza.

No documento estabelécense tres ámbitos de 'recadación' do diñeiro para pagar esta renda: aumentar a fiscalidade gravando as grandes fortunas; reunificar as prestacións --desemprego, risga-- nunha soa, a Rbis; e reasignar o investimento que o goberno español deriva para o exército ou a Igrexa. Acrecentan que cómpre debater tamén sobre a necesidade do AVE e a utilidade das deputacións ou de obras "faraónicas" como a Cidade da Cultura. Tomando en conta que en menos de tres anos se destinaron varios millóns de cartos públicos para saldaren débedas privadas, pular pola renda básica a quince anos vista "non é ningún cataclismo".