Alertan das consecuencias de non cubrir as vacantes na Atención Primaria: "A dotación xa é precaria todo o ano"

A dotación de persoal é de por si "precaria todo o ano", advirte o sindicato. (Foto: Nós Diario)
CIG-Saúde cre que a decisión da xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee de non substituír o persoal médico que collerá vacacións é "un paso máis para esmagar a Primaria".

A CIG-Saúde alertou na mañá desta segunda feira de que a xerencia da área sanitaria da Coruña-Cee "non ten previsto" contratar profesionais de enfermaría para substituír as persoas que se ausentarán na Atención Primaria durante o verán por mor das vacacións.

Para a central sindical, a Consellaría de Sanidade dá con esta medida "un paso máis para esmagar a Primaria, que non pode superar o colapso provocado pola pandemia porque a súa deterioración é crónico e anterior á emerxencia da Covid19".

María Seijo, delegada de CIG-Saúde, apuntou que, "todos os días do ano", os centros de saúde mantéñense "só pola vontade e o compromiso das e dos profesionais que traballan até o esgotamento, que sacrifican libranzas, dobran quendas, asumen a atención das e dos doentes das compañeiras ausentes... E polo abuso que soporta o persoal temporal".

A decisión da xerencia desta área de non substituír o persoal de vacacións, incidiu o sindicato, provocará que os centros "acaden límites perigosos", quer para a poboación quer para o persoal médico.

"As necesidades e problemas de saúde non diminúen no período estival", precisou Seijo. "Ao contrario; a demanda aumenta de forma moi importante nos centros que sofren un grande incremento de poboación durante este período", engadiu.

"A CIG-Saúde e as profesionais non podemos aceptalo, non desistimos de cambialo. Mantemos a esperanza de acadar uns servizos de Atención Primaria que garantan o dereito a saúde de toda a poboación", asegurou.

Por iso, a central sindical urxe a xerencia a manter a dotación, "xa precaria", de persoal de enfermaría e de todos os colectivos profesionais sanitarios e administrativos, "substituíndo o persoal ausente por vacacións e reforzando os centros de saúde que van ver dobrada a súa demanda".