Baixan os pacientes ingresados con Covid e descenden os novos contaxios

Imaxe de arquivo dunha vacinación (Foto: Xunta da Galiza).
Tamén se reducen os casos activos, a 2.977.

Os pacientes ingresados pola Covid-19 caeron por baixo dos 200, até os 190, 19 menos que a xornada anterior, mentres que o novos contaxios descenderon a 121, unha trintena menos que no inicio desta semana, a primeiraapós decaer o estado de alarma o domingo. Pola súa banda, os casos activos seguen coa tendencia descendente e caen a 2.977.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, os pacientes Covid ingresados en UCI descenden a 43, tres menos, e os que permanecen noutras unidades redúcense a 147, que implican 16 menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alíviase nas da Coruña e Cee, Vigo, Ourense, Ferrol e Lugo; mantense na de Santiago e Barbanza; e incrementa lixeiramente na de Pontevedra e O Salnés.

En canto aos casos activos encadean cinco xornadas consecutivas en descenso e sitúanse en 2.977, que implican 7 menos que o día pasado, ao haber de novo máis altas (128) que contaxios (121).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas redúcense nas da Coruña e Cee (-19), Ourense (-7) e Pontevedra e O Salnés (-1); soben nas de Santiago e Barbanza (+16) e Lugo (+4) e mantéñense nas de Vigo e Ferrol.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 detectados con calquera tipo de proba seguen a tendencia descendente do inicio desta semana e baixan a 121 tras principiar con 152, que supoñen 31 menos.

Do total de novos positivos, 103 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 30 na área de Santiago e Barbanza; 21, na de Pontevedra e O Salnés; 15, na da Coruña e Cee; 14, na de Vigo; 12, na de Lugo; oito, na de Ourense; e tres, na de Ferrol.

En canto á taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- caeu a un 1,39% após repuntar até 2,3% no inicio desta semana. Por iso, mantense por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.394 persoas diagnosticadas con Covid-19, sen cambios con respecto a hai dúas xornadas ao non notificar novos óbitos a Consellería de Sanidade por segundo día consecutivo.